Na súa aterraxe no Hórreo, Caballero insta Feixoo a que esclareza o calendario electoral

Desembarca na Cámara como líder da oposición, após a ruptura do grupo de En Marea, circunstancia que deixou o PSdeG como a segunda forza en número de escanos.

Gonzalo Caballero. Decembro de 2017. Parlamento da Galiza.

Gonzalo Caballero deixou dous titulares no seu desembarco na cámara galega. O primeiro, a súa propia entrada no Parlamento, case dous anos despois de se impor a Juan Díaz Villoslada nas primarias para a escolla da secretaría xeral do PSdeG. O segundo, o emprazamento a Feixoo para que esclareza se vai adiantar ou non as eleccións galegas, axendadas en principio para outubro de 2020.

"Que nos diga con clareza se vai haber eleccións autonómicas no prazo do final da lexislatura ou se está a barallar outras alternativas", dixo o líder do PSdeG nun encontro cos medios após se acreditar como deputado. "Estamos preparados para distintos horizontes electorais", precisou.

Todo o discurso do dirixente socialdemócrata estivo tinxido de ecos propios da longa precampaña que se vai vivir no país até a convocatoria do novo combate nas urnas. "Chego ao Parlamento para asumir a responsabilidade política de ser deputado, para manter unha vida política intensa no Parlamento galego, pero sobre todo para plasmarlle ás galegas e aos galegos que estamos en condicións de lle darmos un goberno progresista, de esquerdas e de futuro a Galiza, distinto ao que o PP mantivo ao longo dos últimos dez anos", afirmou.

Para Caballero, a actual composición da Cámara —PP, 41 escanos; PSdeG, 14; En Marea, 10; BNG, 6; Grupo Mixto, 4—non retrata o país actual, senón o de hai tres anos. "Na Galiza hai un novo escenario social e electoral", dixo.

A chegada do líder do PSdeG ao Hórreo prodúcese após a marcha do deputado Abel Losada ao concello de Vigo. Caballero asumirá a presidencia do grupo parlamentar socialista e Xoaquín Fernández Leiceaga manterá a súa condición de portavoz, se ben será o seu xefe de filas o que se mida con Feixoo nas sesións de control ao Goberno. 

Comentarios