Convoca de urxencia a dirección do PPdeG/A xuíza ve indicios de delito en Pablo Casado

Precipítanse os acontecimentos: Feixóo despexará a incógnita ás 20 horas

[NOTICIA ACTUALIZADA] Sucédense os golpes de efeito nesta segunda feira: primeiro foi Pablo Casado ao anunciar a súa candidatura. O viceresponsábel de Comunicación do PP non estaba nas apostas. A resposta desde Monte Pío non se fixo agardar. Feixóo convocou de urxencia a xunta directiva do PPdeG ás 20 horas para esta mesma segunda feira. Nesa reunión despexará a incógnita sobre se concorre ou non ao congreso de elección do relevo de Raxoi. As fontes do PP consultadas por Sermos afirman que esa convocatoria xa estaba prevista -aínda que non fora feita pública- e, portanto, deslígana do anuncio de Pablo Casado.

feixoo 3
photo_camera Feixóo

A conta atrás está aquí. A cuarta feira ás 14 horas conclúe o prazo para a apresentación de candidaturas. Tres dirixentes do PP -menores e sen opcións reais de vitoria- xa se tiñan destacado sobre a melee para dicer que aquí están eles, que están dispostos a liderar o partido. Mais ninguén lles presta unha atención real. A eses tres acaba de sumarse Pablo Casado, o tapado que decide dar a cara e que descobre as cartas para estupefacción das bancadas. Porén, os favoritos -Casado non ten esa condición- continúan sen pestanexar. Son Feixóo, Soraya e Cospedal. Son eles en quen se pousan todos os ollares. Hai, si, un segundo destacamento, por se as apostan fracasan, un pouco como na World Cup de Rusia. Un segundo pelotón no que viaxan a presidenta do Congreso, Ana Pastor, e o ex ministro de Fomento, Íñigo de la Serna. 

Entre os tres que ergueran a cabeza antes que Casado o que ten máis pedegree e peso político no PP é José Manuel García Margallo, ex ministro de Asuntos Exteriores e rara avis na dereita española polo seu perfil de político con certas ínfulas intelectuais. Margallo signíficase por dous trazos básicos: o seu anti-sorayismo e a súa crítica ás políticas fiscais de Montoro, que el reputa como cuase socialdemócratas. Non ten aspecto de ser unha candidatura a se manter até o final. Máis ben parecería unha avanzadilla do feixonismo destinada a erosionar a opción da ex vicepresidenta. O ex dirixente de Novas Xeracións José Luis Bayo e o portavoz de Exteriores do PP no Congreso José Ramón García Hernández si que son candidatos seguros -apenas fan falta reunir 100 avais para o seren- mais o seu rol na función non alcanza nen status de actor de reparto.

Voltemos a Feixóo. O seu silencio e o sentido dalgunha das súas escasas frases emitidas estes días en relación ao Congreso -aquela de que o que máis pesaría na súa decisión sería a súa condición de presidente da Xunta- alimentaron a preocupación entre os sectores dos cadros dirixentes e das bases que o ven como o relevo natural de Raxoi. E se finalmente Feixóo decide non dar o paso? Esta segunda feira, El Confidencial publicaba que executivos do partido comezaban a ver como probábel unha 'espantada' do político de Os Peares. Interpeladas ao respeito fontes do PPdeG dixeron a Sermos: "O presidente é moi discreto con este tipo de decisións". Ergo, calquera cousa que digan correlixionarios seus non pasaría de ser pura especulación. 

O único que se sabía con certeza é que Feixóo comunicaría a súa decisión nun acto do PPdeG. Esta segunda feira o partido conservador non tiña ningún acto convocado no noso país. Finalmente convocouno por volta das 15 horas. Unha xunta da directiva galega do partido. Nela despexará a incógnita. Racha así o prognóstico de que alargaría o suspense case até o final, táctica que estarían a aplicar Soraya Sáenz de Santamaría -a que se perfila como a súa rival de máis peso- e María Dolores de Cospedal -aliada súa e que, en teoría, só entraría en liza se Feixóo se fixese a un lado e a ex vicepresidenta se decidise a xogar a partida.

O imposíbel consenso

A outra certeza deste proceso é que o acordo consensual arredor dunha figura mesiánica para redimir un partido ferido pola corrupción é neste momento unha perspectiva quimérica. Feixóo non sería proclamado novo líder por aclamación, tal e como soñaba. Ao se afastar a hipótese dun pacto cupular, o partido mercaba todos os números para entrar nunha fase de descontrol. A iso parece responder o anuncio absolutamente imprevisto realizado hai poucos minutos polo vicepresidente de Comunicación, Pablo Casado, quen acaba de se debruzar sobre a xanela do seu twitter para manifestar a súa disposición a liderar o partido.

Ningúen tiña nas súas apostas Pablo Casado, entre outras cousas por ser un albo fácil para os seus rivais, dada a súa implicación nun escándalo xemelgo ao que protagonizou Cristina Cifuentes, a conta de irregularidades e hipotéticos tratos de favor na consecución dun máster e de estudos pos-graos.

 

Tan vulnerábel é a opción de Pablo Casado que no mesmo día en que anuncia a súa candidatura a xuíza que instrúe o seu caso entende que existen indicios de delito e que, portanto, a causa tería de ir ao Supremo, dada a condición de aforado do dirixente do PP.

Casado ironizou sobre a coincidencia entre o seu anuncio e a última noticia sobre as pesquisas da xuíza ao seu respeito: "Vaia casualidade que se coñecese hoxe a decisión". O pre-candidato deixou claro que a acción da maxistrada Carmen Rodríguez-Medel non o vai afastar da carreira polo liderado do partido: "Non vai ver nada raro"-

Comentarios