Sprint da Xunta no remate da lexislatura con menos leis aprobadas en dúas décadas

O Goberno presidido por Alberto Núñez Feixoo achégase á fin do mandato co menor ritmo lexislativo das dúas últimas décadas, pese a maioría absoluta que ostenta o Partido Popular no Parlamento da Galiza. Non obstante, o Executivo si ten modificado numerosas normas a través da coñecida como lei de acompañamento dos orzamentos, que permite sortear o seu debate na Cámara galega.

 

Votación dos orzamentos para 2020 no pleno (Parlamento)
photo_camera Votación dos orzamentos para 2020 no pleno (Imaxe: Parlamento).

A media anual lexislativa da Galiza rolda as 12 ou 13 leis. Ás portas dos comicios galegos, o Goberno de Alberto Núñez Feixo fica nunha media de 7. A actual lexislatura mantivo un dos ritmos lexislativos máis baixos desde o mandato de Manuel Fraga Iribarne entre 1998 e 2001. Aquel Goberno, após a maioría absoluta nos comicios de 199 do PP,  aprobou un total de 33 normas, incluídas as leis dos orzamentos e máis as de acompañamento dos mesmos. E o derradeiro ano do mandato foi no que máis leis se aprobaron dos catro.

Mesmo se o Partido Popular conta cunha maioría absoluta que facilita a tramitación das leis, que o propio Feixoo reivindica como garante da “estabilidade” da Galiza,  o balance de textos aprobados neste último mandato fica en 22. A falta de menos de nove meses para a disolución do Parlamento, e a pesar do sprint final do Goberno nos últimos meses, o ritmo de aprobación fica nunha media de 7 normas anuais. A mesma que a quinta lexislatura de Fraga, que tamén acelerara o ritmo na véspera dos comicios.

O Partido Popular conta cunha maioría absoluta no Parlamento

En 2017 foron aprobados dez textos; algúns deles rodeados de polémica, como a Lei de implantación de inciativas empresariais, bautizada desde colectivos sociais e a oposición como a “Lei Depredación”, ou a Lei de Saúde que suprimiu tres áreas sanitarias. En 2018 foron tramitadas a Lei de orzamentos e máis a Lei de presupostos e medidas fiscais e administrativas que a acompaña, e por iso máis coñecida como lei de acompañamento, ademais dunha reforma da Lei de saúde que modificaba a norma aprobada un ano antes.

2019 transcorreu cun aumento dos textos aprobados, chamado a consolidarse en 2020 en vista da cantidade de normas en proxecto. Entre elas, a Lei de Impulso Demográfico de Galiza, a Lei de Ordenación do Territorio da Galiza ou a Lei de Avaliación Ambiental da Galiza; anunciada esta mesma semana.

Porén, nos mandatos de Feixoo si se levaron a cabo numerosas reformas administrativas a partir da coñecida como lei de acompañamento dos orzamentos. No de 2018 modificáronse, nunha única tramitación unha vintena de leis. Algúns cambios foron relevantes, como a lei de incendios. E na lei de acompañamentos dos orzamentos de 2020 modificáronse unha trintena de leis; entre elas, dúas aprobadas apenas tres meses antes no Parlamento.

Si se levaron a cabo numerosas reformas administrativas a partir da lei de acompañamento dos orzamentos

Ademais, ningún dos plans normativos, os documentos que fixan os obxectivos lexislativos do Goberno en cada ano, publicados na Portal de Transparencia da Xunta da Galiza foron acadados na súa totalidade. Fica pendente de aprobar, por exemplo, unha lei de emprego que figuraba no plan de 2017.

Este descenso do ritmo lexislativo na Galiza provoca as críticas da oposición, que o emprega como argumento a favor da súa tese de que o proxecto político de Feixoo está “esgotado”, pese a ese aumento das normas na recta final do mandato. Paralelamente, a Xunta xustifica a “dilación” na procura de diálogo, así como polos distintos comicios estatais e a “inestabilidade” do Goberno central.

A Xunta xustifica a “dilación” na procura de diálogo

O voceiro parlamentario popular, Pedro Puy, avanzou que o último período de sesións que acaba de arrancar será “intenso” no plano lexislativo. A lei de residuos, a de museos ou a de pesca esperan na liña de saída para a súa tramitación nos meses que quedan antes das eleccións. En liñas xerais, o Goberno galego amósase “satisfeito” co seu ritmo lexislativo. Así o trasladou a directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Blanca García-Señoráns, destacando o balance de nove leis aprobadas en 2019.

Comentarios