Trama sobre cursos de formación

A sospeita de corrupción volve salpicar a Deputación de Ourense

A Policía Nacional notificou ao xefe de Persoal da Deputación de Ourense, José Luis Suárez, que está investigado en relación a unha operación policial sobre unha suposta fraude nos cursos de formación. O presidente do ente, Manuel Baltar (PP), opta polo silencio “até ter máis información”.

Abril 17 pleno
photo_camera [Imaxe: Deputación de Ourense] Un momento do pleno que tivo lugar a sexta

Máis unha sospeita de corrupción na Deputación de Ourense após a Policía Nacional notificara ao xefe de Persoal, José Luis Suárez, a súa investigación nun caso de presunta fraude en cursos de formación por un suposto delito de suborno.

A investigación, que foi aberta en 2015, destapa unha trama que sería ideada polo responsábel dunha academia de Ourense para obter de forma fraudulenta subvencións públicas, mediante falsidades e enganos. Desta maneira, saltaríase os requirimentos que estabelece a lei.

Segundo a información policial, varias das persoas investigadas sinalarían a existencia “dun contacto na Deputación” que metería no ente provincial alumnado. Tamén aseguraron que a algún destes alumnos se lles chegou a ofrecer unha praza na Deputación pagando até 12 mil euros.

Pleno provincial

A causa que instrúe o Xulgado de Instrución Número 1 de Ourense protagonizou o pleno provincial que tivo lugar a sexta feira, 28 de abril. O portavoz do PSOE, Francisco Fraga, reclamou unha “investigación interna” após a información “alarmante” con “centos de miles de euros públicos, presuntamente roubados”.

“Ante a gravidade do que está a transcender e en relación á sospeita de que se pagaba por postos de traballo”, o portavoz socialdemócrata reclamou que a investigación “chegue até o final”.

Na mesma liña pronunciouse Ramiro Rodríguez, portavoz do BNG, quen apelou a “recadar toda a información posíbel” e a investigar para depurar “as responsabilidades oportunas”. De demostrarse algún tipo de vinculación entre o xefe de Persoal e os asuntos que se investigan, “sería inasumíbel que mantivese a súa praza”.

As explicacións pedidas pola oposición a Manuel Baltar, presidente da Deputación, de nada serviron. Sinalou que dará conta dos feitos cando posúa “máis información”.

Comentarios