Retroceso das marés nas cidades onde gobernan

E o sorpasso foi en Galiza

En Marea perdeu 67.000 votos desde o 20D e foi superada polo PSOE como segunda forza. O PP foi a formación máis votada en 302 concellos, os socialistas en 10 e as marés en dous.

ELECCIONS2

Finalmente houbo 'sorpasso', mais foi en Galiza, non no Estado, e foi o PSOE quen superou as candidaturas do que se deu en chamar 'nova política' e non ao revés. Os socialistas recuperan nas eleccións do domingo a segunda posición que lle tirara En Marea nos comicios do 20 de decembro. Por unha diferenza pequena, certo, de apenas mil votos (345.253 tivo o PSOE por 344.143 de En Marea) e unhas poucas décimas (22,25% fronte ao 22,18%). Mais unha diferenza que se alarga e ensancha se comparamos estes resultados cos do 20 de decembro, cando as marés superaran os socialistas por 60.000 votos e catro puntos. Seis meses despois, En Marea perde perto de 70.000 votos, 1 deputado en Ourense (foi para o PP), 1 senador na Coruña (para o PSOE) e fica terceira, detrás dos socialistas. Perder esa segunda praza inhabilita a estratexia de acudir ás eleccións galegas presentándose como a principal forza alternativa ao PP, a opción de referencia para derrotar os de Feijóo.

Na principal cidade galega, Vigo, o PP arrebatoulle a En Marea o primeiro posto

Se o 20D os bos resultados de En Marea cabalgaran a lombo do apoio nas cidades, agora é nesas mesmas cidades onde a coligazón amosa tamén un importante retroceso electoral, nomeadamente naquelas onde goberna desde as municipais de 2015. Das sete principais cidades do país En Marea é segunda forza en cinco, pasando noutras dúas a ser terceiros. O 20D fora segunda en seis cidades e nunha, Vigo foi a máis votada. O 26X perdeu apoio en todas.

Gobernos do cambio

Vén de se facer un ano dos denominados 'gobernos do cambio', que en Galiza teñen como referentes as cidades da Coruña, Santiago de Compostela e Ferrol. Os resultados do domingo testemuñan un retroceso electoral a respecto de hai seis meses, nalgúns casos moi acusado. Na Coruña o apoio a En Marea caeu 4,6 puntos: do 31% do 20 de decembro ao 26,36% do 26 de xuño. Polo camiño, 8.000 votos menos. Na cidade herculina o PP aumentou até o 35,98% e os socialistas recuperaron terreo ao pasar do 19,6% das anteriores xerais ás 22,16% do domingo.

Uns 2.700 votos foi os que perdeu En Marea en Compostela entre estas dúas eleccións xerais. Se daquela tivera o 28,3% dos apoios agora apañou o 24,5%, case 4 puntos de queda. O PP reafirmouse como a principal forza da capital galega, recuperando 4,5 puntos desde o 20 de decembro e atinxindo case o 40% dos apoios. O PSOE aumentou en 2,6 puntos e logrou un 20,3% dos sufraxios.

O 20D En Marea fora segunda en seis cidades e nunha, Vigo, foi a máis votada. Desta volta, foi segunda en cinco e terceira en dúas

En Ferrol, outra das cidades galegas gobernadas polas marés, tamén houbo importante descenso en apoios: do 30,6% ao 27,4. Aquí os populares volveron ser a forza máis votada, co 36,7% dos votos emitidos (32,5% tiveran hai seis meses) e os socialistas pasaron do 19,4% do 20 de decembro ao 21,4% deste domingo.

Retrocesos

Esta tónica foi a que se repetiu no resto de cidades galegas, nomeadamente en Ourense e Lugo, onde En Marea perdeu a posición de segunda forza que obtivo o pasado 20D, en favor do PSOE. En ambas as dúas o PP foi a lista máis votada, con porcentaxes que superan o 40%. As candidaturas da unidade popular ficaron en Lugo cun 21,4% (24,6% tiveran o 20 de decembro) e en Ourense atinxiron o 21% fronte ao 24,2 de hai seis meses.

Na principal cidade galega, Vigo, o PP arrebatoulle a En Marea o primeiro posto. A coligazón perdeu 9.000 votos e do 33,9% dos votos que tivo na anterior cita coas urnas pasou agora a ter o 30,3 por cento. No entanto, o PP pasou do 27,5% ao 31,2% e os socialistas recuperaron case 2 puntos e attinxiron o 23,9% dos votos. En Pontevedra reproduciuse a tendencia do resto das cidades galegas: aumento de apoios ao Partido Popular, que se consolida como principal forza (case o 37%), descenso de En Marea (pasa do 26,6% ao 23%) e recuperación socialista (aumentou 2,3 puntos e obtivo o 22,3%).

Mapa azul

O mapa de Galiza após os comicios dos domingos está tinxido do azul, a cor do Partido Popular. Este partido foi o máis votado en 302 dos 314 concellos que hai no noso país. Os socialistas lograron ser a forza con máis papeletas en 10 municipios (Dumbría, As Pontes, Fornelos, Carballeda de Avia, Entrimo, Calvos de Randín, Petín, Parada de Sil, Pedrafita e A Illa de Arousa). En Marea, de por parte, foi primeira forza política nestas eleccións en dous concellos: Cangas do Morrazo (38,13%) e O Grove (33,7%).

Retroceso nacionalista

Non deixou este 26X bos resultados para o BNG, como recoñeceu a propia portavoz nacional na valoración da noite electoral. Os mellores resultados do Bloque este domingo foron en concellos como Allariz (19,6%), Moeche (onde foi segunda forza, cun 15,4%) ou San Sadurniño (12,3%). Entre as sete grandes cidades o mellor resultado dos nacionalistas foi en Pontevedra, cun 5,17% dos apoios.

Comentarios