Sondaxes sitúan Vox á fronte da Moncloa co apoio do PP

Sondaxes publicadas ao longo do último mes sitúan un PSOE que se vai debilitando como primeira forza no Congreso. Vox e PP disputaríanse a segunda praza e atoparíanse perto dunha eventual maioría absoluta conxunta. Aliás, os estudos da consultora IMOP sitúan o BNG con catro escanos na Cámara Baixa.
Juan García Gallardo (Vox), futuro vicepresidente de Castela e León, acompañado de Abascal. (Foto: Europa Press)
photo_camera Juan García Gallardo (Vox), futuro vicepresidente de Castela e León, acompañado de Abascal. (Foto: Europa Press)

Cada semana publícase o chamado Electopanel do portal Electomanía. Os datos do mes de marzo sinalan que Vox está en condicións de disputar a Presidencia do Goberno do Estado. As sondaxes do último mes colocan os de Santiago Abascal ao redor de 24% de voto e dos 95 escanos. Se ben as sondaxes publicadas por Electomanía tanto o 13 como o 20 de marzo parecían indicar que a forza ultraespañolista estaba a alcanzar o seu cumio, a publicación de 27 de marzo, sinala unha nova suba de Vox, con 24,5% dos votos e 97 escanos, a dous asentos e menos de un punto dun PSOE situado en 25,4% e 99.

A evolución do Electopanel marca unha tendencia á baixa dos socialistas durante o mes. Minguados pola xestión da crise inflacionista, perden máis de dous puntos e 13 asentos con respecto ao comezo de marzo.

Pola súa parte, o PP comezou o último mes debilitado pola súa crise interna, con 16,9% dos votos e 58 escanos. Xa con Alberto Núñez Feixoo como novo líder as publicacións semanais das sondaxes outorgaron unha leve e regular recuperación ao PP de dous escanos por semana. Os populares situáronse con 18,2% e 64 escanos a final do mes. Porén, o PP seguiría moi lonxe de Vox, con quen sumarían un total de 161 escanos.

Unidas Podemos mantívose estábel ao redor de 12,5% de apoios durante o mes de marzo, e o seu leve ascenso durante as últimas semanas, que non conseguiu facerse coa transferencia do voto perdido polos socialistas, coloca á coalición nos 33 escanos. A suma dos partidos que conforman o Goberno español, que precisarían ao soberanistas para a investidura, quedaría en 132 asentos. A mingua do PSOE abre a posibilidade dun Goberno de dereita liderado por Vox. 

Pola contra, o estudo demoscópico máis recente sobre as eleccións ao Congreso español, publicado o 30 de marzo por IMOP, mostra unha maioría absoluta dunha eventual coalición PP -Vox na que os de Abascal pugnarían pola segunda posición. Os populares, con 23,6% dos votos e 97 escanos, tan só adiantarían por 1,6 puntos os de Abascal, que con 22% das papeletas terían na súa man alcanzar altas cotas de poder. Unha potencial coalición á que se referiu  esta semana a representante de Vox Rocío Monasterio: "Nós dixemos que o noso socio natural é o PP, aí non temos problema".

O BNG tería 4 escanos

A sondaxe de IMOP, a última das publicadas, sitúa o BNG con 1,2% das papeletas e catro escanos no Congreso, o mesmo resultado que esta consultora lle outorgaba a 16 de marzo.

O PP perdería a maioría absoluta na Galiza

A última enquisa elaborada por Electomanía en relación ás eleccións galegas sinala que o PP perdería nestes momentos a maioría absoluta, colocándose nos 37 escanos. Os populares necesitarían pactar con Vox, que obterían un escano no Hórreo, para manter o Executivo.

O bloque progresista liderado polo BNG (20), e seguido de PSdeG (15) e Galicia en Común (2), obtería máis de 50% dos votos e estaría as portas da absoluta.

Comentarios