Son de Trives pide garantías da salubridade da auga

Presentou  un escrito dirixido á Consellería de Sanidade solicitando que realicen as xestións oportunas ante o concello para asegurar que se están cumprindo os protocolos para garantir a salubridade da auga.

trives auga salubridade

Pobra de Trives continúa sufrindo problemas coa salubridade da auga, afirman desde Sons de Trives, uns problemas que se remontan ao mes de agosto, data na que, tras analizar a auga da traída, debido a valores elevados de arsénico, se declaraba “non apta” para o consumo humano pola Consellería de Sanidade.

Especificábase entón, lembra Son de Trives, a obriga do concello de restrinxir o uso de auga de consumo a calquera actividade que non implicara a súa inxesta ou uso alimentario, comunicar a citada situación á veciñanza antes de 24 horas e buscar algunha alternativa para poder prestar aos usuarios/as do servizo o abastecemento domiciliario de auga potable e garantir a calidade da auga de consumo público.

“O Concello emitiu un bando o 13 de setembro para informar da situación, cumprindo cunha parte das obrigas comunicadas pola Consellería”, asegura o concelleiro de Son de Trives, Jorge Vázquez, “actuación insuficiente, xa que non se ofreceu en todo este tempo desde o concello nin unha soa alternativa para o subministro de auga apta para o consumo, demostrando así, unha vez máis, a pasividade e inacción do grupo de goberno ante as necesidades esenciais da veciñanza, ao ser o paso do tempo a única acción emprendida”.

O 29 de setembro, tras realizar novos análises, a auga volvíase declarar apta para o consumo humano. Porén, desde esa data, ddi SdT, “detectouse que a auga sae por veces e zonas totalmente marrón e toldada, desprendendo un cheiro desagradable, o que xera contrariedade na veciñanza”. Debido á gravidade desta situación, desde Son de Trives solicitan á Consellería de Sanidade que realicen as xestións oportunas ante o concello de A Pobra de Trives para asegurar que se están cumprindo os protocolos para garantir a salubridade da auga e a tranquilidade da veciñanza afectada

Comentarios