O "xene rebelde galego" que perdura 105 anos despois da revolta de Nebra

O BNG apela á rebeldía que inspirou a loita de Cans e a activar o "xene rebelde" histórico do pobo galego, apostando por defender "unha Galiza dona do seu futuro".
Acto de homenaxe ás mártires na Ponte de Cans, no Son (Foto: Nós Diario)
photo_camera Acto de homenaxe ás mártires na Ponte de Cans, no Son (Foto: Nós Diario)

Á Ponte de Cans, na parroquia de Nebra (Porto do Son), acudiron este 12 de outubro veciñas e veciños da comarca de Noia con motivo do acto convocado polo BNG para lembrar as mártires de Nebra, a revolta de labregas e labregos de Cans que hai 105 anos se rebelaron contra o pago dun imposto que afectaba de cheo no seu medio de vida, que non era outro que a actividade agraria. 

Ante a protesta veciñal, a Garda Civil replicou coas armas a 12 de outubro de 1916, causando numerosos feridos e as mortes das labregas Francisca Carou, Generosa Vidal, Ramona Suárez e Rosa Cadórniga, e do labrego Antonio Sobrado.

Esta revolta agraria é para o portavoz parlamentario de Memoria Histórica do BNG, Luís Bará, "un exemplo do xene rebelde” das galegas e galegos "que racha coa imaxe construída desde fóra dun pobo pasivo”. Bará afirmou onte no transcurso do acto que “tanto a revolta de Nebra como tantas outras, a de Sofán, Sobredo, Tui, Xubia, pasando polas grandes mobilización obreiras da II República, a guerrilla antifranquista... son exemplos que botan por terra esa imaxe de sociedade pasiva e calada, mobilizacións moitas delas protagonizadas por mulleres".

O deputado nacionalista subliñou que a loita en defensa do territorio suma tamén moitos movementos de reivindicación: contra o encoro de Castrelo de Miño e a mina das Encrobas, en defensa das marismas de Baldaio ou as mobilizacións de Xove ou do barco O Xurelo “que remataron vitorias contra as nucleares”, un xene rebelde presente ao longo do século XX que reaparece "nas grandes mobilizacións de Nunca Máis contra a marea negra e os Gobernos incompetentes”, así como na recuperación do Pazo de Meirás.

No acto de homenaxe Bará, experto e divulgador en temas de memoria histórica, subliñou que ese ano, 1916, foi un ano de “nacemento” do nacionalismo galego coa aparición das Irmandades da Fala. 

Aludiu a que deron paso a dúas décadas “prodixiosas” pilotadas por unha xeración “irrepetíbel”, pois puxo en marcha “o maior proceso de avance e modernización da historia do país, que tivo como fitos a fundación do Partido Galeguista e a aprobación do Estatuto en referendo”.

Bará reivindicou o papel da historia como “manual de instrucións para construír o porvir”, porque tamén como en 1916, hoxe a sociedade está “nun tempo de grandes escollas acelerado pola pandemia, tempo en que temos que decidir se nos resignamos ou, botando man dese xene rebelde, reaccionamos para gañar o futuro, se nos resignamos a aceptar o devalo demográfico, económico e democrático ou loitamos por un país que decida o seu futuro; un momento no que temos que decidir se asumimos o desmantelamento dos servizos públicos ou os defendemos, se plantamos cara ao espolio dos nosos recursos, da nosa enerxía, do noso aforro”.

Bará concluíu apelando a e seguir o exemplo de Nebra e activar o "xene rebelde", apostando  por defender "unha Galiza dona do seu futuro".

Comentarios