"Somos o voto que lles doe"

O BNG pisa o acelerador na recta final de campaña, marcada pola súa marxinación nos meios de titularidade pública galega. O BNG ve nas manobras dirixidas a conseguir o seu "silenciamento" o sinal de que o españolismo está nervoso ante a capacidade de resistencia do nacionalismo galego. A formación frentista acha que foi a máis en campaña. "Somos o voto que lles doe", resumen

mitin Coruña5 (22-5-14)
photo_camera mitin Coruña5 (22-5-14)

Por que atacan órgaos controlados directa ou indirectamente polo PP o BNG neste tramo final de campaña? Por que manobraron para que se reducise a só 18 segundos o tempo dedicado á formación nacionalista nos blocos informativos da RG e a TVG? A impresión dentro da dirección nacionalista é que o PP está preocupado pola liña ascendente do BNG. Daí a intensidade dos seus ataques, non só perceptíbeis nos meios públicos, senón tamén nos privados que están na súa órbita, como se puxo de relevo na agresiva entrevista a Xavier Vence na televisión sabonita.

"Somos o voto que lles doe", proclamou Ana Miranda no mitin desta quinta feira na Coruña, o penúltimo de campaña. A mesma lenda que se pode ler no atril das e dos oradores, e que despraza, nestes dous días finais do combate eleitoral, o lema oficial, Corazón na Galiza, Futuro na Terra.

A impresión dentro da dirección nacionalista é que o PP está preocupado pola liña ascendente do BNG

"Somos molestas", dixo Miranda empregando o feminino inclusivo, porque "o BNG reaxiu con dignidade e rebeldía" ante a marxinación da que é obxecto na CRTVG. "Mas non nos calarán", proclamou, aregando a un público entregado. "Somos molestas porque defendemos a Galiza sen ataduras e porque nos opomos a este sistema", alegou.

"Non molestan as retóricas baleiras, molesta a nosa vontade de seguir sendo un pobo en pé".

A candidata nacionalista perguntouse retoricamente por que o BNG recebe tantos ataques mentres "outros" son mellor tratados. E contestouse a si propria: "Non molestan as retóricas baleiras, molesta a nosa vontade de seguir sendo un pobo en pé".

O ambiente no mitin foi de entusiasmo absoluto, nun ateigado auditorio na Ágora coruñesa, electrizado en algúns momentos pola vibrante presentación de Isabel Risco. Militantes e simpatizantes dan a impresión de estaren moi activos nestes últimos días de campaña, a bon seguro aguilloados polo que estiman como ofensiva españolista para amordazar a candidatura nacionalista.

Comentarios