ENTREVISTAMOS YOLANDA DÍAZ, CANDIDATA DE GALICIA EN COMÚN AO CONGRESO POR PONTEVEDRA

"Somos plurais, diversas, galegas e a xente quérenos así"

Yolanda Díaz (Fene, 1971) concorre ás súas terceiras eleccións xerais. A candidata de Galicia en Común pola circunscrición de Pontevedra fala con Sermos Galiza sobre política territorial, a desindustrialización que sofre Galiza ou o proceso de fragmentación da esquerda galega. Ela fai un chamamento de cara ás eleccións autonómicas de 2020, “volver á unidade e ao diálogo”.
Yolanda Díaz
photo_camera A candidata por Galicia en Común ao Congreso, Yolanda Díaz [Imaxe: Sermos Galiza]

Tendo en conta os resultados das últimas enquisas, semella que volverán ter que sentarse a negociar co PSOE a formación de Goberno.

Nós estamos no mesmo contexto que no 28 de abril, queremos que Galiza conte e que o Estado teña un Goberno de esquerdas. Desde o día 29 de abril tentamos negociar e, como todo o mundo sabe, o PSOE, con Pedro Sánchez á cabeza, non quixo. Nós imos traballar para ter un Goberno progresista e, sobre todo, para facer políticas que axuden un pouco á xente. Temos demostrado que se pode subir o salario mínimo ou mellorar os permisos parentais. É certo que temos preocupación porque é evidente que estamos nun Pedro Sánchez que xa representa ao vello PSOE. Que mira cara os poderes económicos, que di que non quere derrogar a reforma laboral, ou que quere implantar a mochila austríaca no noso país. Hai persoas que dubidan no bloque de esquerda, pero un Goberno de esquerdas vai depender da forza que nós teñamos.

Na Galiza, desde 2015, o espazo que constituíu En Marea foise fragmentando, perdendo votos e tamén escanos. Len unha crítica do seu electorado por esta fragmentación?

Somos o país no que penso que comezou a confluencia, fixemos algo marabilloso que foi tender a man entre forzas que proviñan do independentismo, do confederalismo ou o federalismo. Isto foi un éxito político, social e electoral, porque estou certa de que a xente quérenos unidas. Claro que son moi crítica, estamos disputando catro deputados os escanos de Coruña e os de Pontevedra. Mais son reflexiva no sentido de que a conxuntura política en Galiza agora mesmo é moi relevante e fago un chamamento á unidade, da que penso que nunca teriamos que ter saído. Somos plurais, diversas, galegas e a xente quérenos así. Creo que é clave, para gañar a Xunta de Galiza, volver á unidade e ao diálogo.

“Creo que é clave, para gañar a Xunta, volver á unidade”

Esa fragmentación veuse agravada en febreiro, cando votaron si a uns orzamentos que anteriormente cualificaran de “inaceptábeis” para Galiza. Por que tomaron esta decisión?

A ruptura en febreiro non tivo nada que ver cos orzamentos, é un problema político que viña de atrás. Non se pode negar que é un drama que hoxe sigamos cos orzamentos de Mariano Rajoy. Un drama que ninguén progresista da Galiza ou do conxunto do estado nega, o contrario é estar fóra da realidade. Lonxe do descoñecemento, onde son comprensiva, negar que o incremento que supuñan para as pensionistas galegas os orzamentos é estar fóra da realidade. É a primeira vez que se leva unha Axenda Galega do Cambio, e as galegas e galegos de Galicia en Común son os máis activos da Cámara. Os restantes parlamentares non presentaron unha soa emenda, nós presentamos 400. O que é un disparate é tombar a posibilidade de abrir unha negociación, coma sempre se fixo cos gobernos centrais. Non permitir o debate orzamentario é dicir que condenas a Galiza a non defender políticas propias. En Marea non racha por isto, senón por unha proposta política fracasada que demostraron os seus resultados electorais.

“Non permitir o debate orzamentario é dicir que condenas a Galiza a non defender políticas propias”

Os acontecementos abertos en Catalunya están poñendo o foco sobre a política territorial. As actuais posicións dos partidos semellan pechar cada vez máis a porta ao diálogo.

O que ten demostrado Catalunya é o fracaso da política. Cando alguén di que non quere dialogar, non colle o teléfono ao president da Generalitat, cando alguén di que co 155 arránxanse os problemas ou que a sentenza do Procés arranxaría o problema, como dixo Sánchez, están errados. Todo o contrario, isto agudizounos. Catalunya é o problema de España. A nosa proposta baséase no diálogo, na necesaria reconciliación e nas solucións, que habelas hainas. Chegou o tempo de abordar politicamente un problema que ten que ver coa democracia. E eu vexo con preocupación unha sentenza que restrinxe as protestas democrática. Hai 300 traballadores e traballadoras imputados por defender os seus dereitos laborais.

E cales son esas solucións que menciona?

A nosa proposta inicial, na que ademais hai coincidencias coas forzas catalás, é unha mesa de partidos en Catalunya, pero tamén en España, para empezar a traballar sen vetos e sen liñas vermellas. O que se fai en democracia é dialogar e chegar a propostas para avanzar.

Nesta última lexislatura abriuse a porta á transferencia da AP-9, defenderían outras transferencias como a dos portos galegos?

Respecto á transferencia da AP-9, un matiz, non nos chega, queremos que sexa galega, de titularidade pública e gratuíta. Hai que rescatala porque está amortizada. Fomos o grupo que levou ao Constitucional o impedimento do PP ao debate da transferencia da AP-9 con Mariano Rajoy, á que hoxe apúntanse desde Galiza. O PSOE xa respondeu que non van transferir a AP-9 e non van practicar ningún tipo de liberación de peaxes similares ás que están practicando na AP-7. Outras medidas, como a transferencia do Salvamento Marítimo ou a Inspección de Traballo, quedaron fóra despois de que se tombasen os presupostos en febreiro.

“Hai que rescar a AP-9 porque está amortizada”

A fábrica PSA de Vigo é a primeira empregadora da comarca, tras Povisa, nun contexto de devalo industrial. Débese seguir dependendo da automoción e do téxtil ou cómpre unha renovación do sector?

O que precisamos é deixar de ser un deserto industrial, levamos un ano e medio de problemáticas graves. É un problema durísimo, desde a comarca de Ferrolterra, pasando por Ourense, Vigo, As Pontes. Vemos como pola inacción dos gobernos cae un estaleiro centenario como Barreras. A clave está nun desenvolvemento industrial que garanta postos de traballo e acomodado ao proceso de descarbonización da economía, polo que precisa duns esforzos públicos que non se están levando a cabo. Imos fóra de tempo, o país é totalmente dependente en termos tecnolóxicos. Vivimos tamén un proceso de deslocalizacións masivas, vemos como se levan parte da produción automobilística ao noso país veciño. Galiza precisa unha lei antideslocalizacións, que existe nos países da nosa contorna e que nós propoñemos. Non pode ser que Poligal peche a porta e marche a Polonia, non se pode permitir. Ou que se permita a deslocalización de R, que recibiu miles de euros de políticas públicas.

Hai un tempo que se fan comparativas do desenvolvemento económico a ambas beiras da Raia. Pódese tomar nota dalgunhas das políticas do Goberno portugués?

Hai que falar de Portugal con certo coidado, os contextos non son trasladábeis. As empresas de Vigo deslocalízanse a Portugal porque os salarios e as condicións laborais son peores alí. É certo que o Estado ten demostrado que coas políticas que aplican en certos sectores da economía, como subir o salario mínimo, non só non quebra a economía senón que son anticíclicas. Tamén mellorar e protexer as pensións. Mais as folgas de traballadores para mellorar as súas condicións, ou as demandas dos docentes, non as quero para Galiza. Onde non hai futuro é na mal chamada austeridade, e nós sabemos que o PSOE ten que practicar un recorte de 6600 millóns de euros. Nós queremos deixar claro que non permitiremos que o recorte o pague de novo as clases populares. Nun país, ademais, a sete puntos da presión fiscal da Unión Europea. Imaxinade que suporía para Galiza uns recursos que se cifran en 90.000 millóns de euros para todo o Estado. Poderiamos atender así ás nosas persoas dependentes.

“As traballadoras do mar están sendo discriminadas por ser mulleres”

Unha problemática que se ceba especialmente coas mulleres galegas, cunhas das pensións máis baixas do Estado, logo de traballar no agro e no fogar, e moitas con dependentes ao seu cargo.

Na Galiza o 30% das persoas son pensionistas, cunha poboación profundamente envellecida, cunha dispersión demográfica que encarece a dependencia. Unha das leis que se levaron adiante foi a de Cotitularidade, que en si é boa pero que non serve. A nosa proposta é partir dunha cotización única que, sabendo que as mulleres están realizando traballos familiares, achegue dúas pensións, unha delas para as mulleres. Tamén hai que falar no noso país das traballadoras do fogar. É unha vergonza que non se ratificase a día de hoxe o convenio 179 da Organización Internacional do Traballo e un despropósito que non teñan dereito ao desemprego. Ou das traballadoras do mar, as mariscadoras e as redeiras, que están sendo discriminadas polo non recoñecemento das súas enfermidades profesionais.

O feminismo ten acadado espazos nas institucións, como a Lei de Pacto contra a Violencia Machista. Non obstante nos últimos meses medraron as forzas que non recoñecen esa violencia machista.

Esas forzas políticas non son democráticas, profesan a vulneración dos dereitos e falan en termos machistas e reaccionarios das mulleres. Percibo isto con preocupación, pero da igual o que digan estas forzas políticas porque a sociedade galega e a española mudaron. O 8 de marzo puxo todo patas arriba e estou certa de que as mulleres non daremos paso atrás. Galicia en Común, tamén Unidas Podemos, é a forza con máis mulleres nos postos de saída. Sei que isto non chega, temos que achegar ás políticas a propostas como as da economía feminista, colocando ás mulleres e aos coidados no centro. Ou abordamos problemáticas como a da dependencia ou non haberá igualdade neste país.

Comentarios