mércores 15.07.2020

"O Estado das Autonomías está esgotado". Somos Nós presenta as 'Bases dun programa para un grupo galego nas Cortes'

Pide unha reforma en chave 'plurinacional' da Constitución, o rescate dos servizos públicos, ou garantir a "democracia e participación" cidadá, entre outras medidas.

Acto da presentación
Acto da presentación

Somos Nós presentou en Compostela as 'Bases dun programa para un grupo galego nas cortes', un documento no que se recolle un decálogo de propostas que abranguen desde o eido territorial ao económico ou social. Na presentación estiveron presentes Anxo Quintana e os responsables dos grupos de Participación, Ana Luisa Bouza, Demografía e Territorio, Lourenzo Fernández Prieto e Economía, David Peón. 

"O chamado Estado das Autonomías está esgotado" afirman. "A vindeira lexislatura estatal pode ser, sequera dun xeito limitado, constituínte. E Galicia ten que estar onde se vai decidir, para poder decidir. Outros pobos téñeno claro. De non estarmos con capacidade de decisión teremos que asumir as consecuencias de perder benestar social e desenvolvemento económico".

Propostas

Nas propostas Somos Nós avoga por "impulsar unha reforma constitucional en sentido plurinacional que facilite a ampliación do autogoberno galego, garantindo o logro dun status político que reflicta o carácter nacional de Galicia". Tamén aposta en "procurar unha fiscalidade xusta para Galicia", ou en "impulsar a economía produtiva que garanta o benestar e a igualdade como instrumento eficaz para desacelerar a desfeita demográfica, e na defensa dos sectores produtivos galegos". Son só 3 exemplos das medidas que Somos Nós pon sobre a mesa.

comentarios