Somos Nós ofrécese como punto de encontro para unha candidatura unitaria nas xerais

Reunirase nos próximos días con “xentes e organizacións” para buscar “vínculos de colaboración". Anxo Quintana, que lidera o movemento cidadá, descartouse como eventual candidato dunha Marea Galega. “Sería bo que non fora unicamente o reflexo dun acordo entre partidos”, sinalou o exvicepresidente da Xunta.

Somos Nós
photo_camera [FOTO: @SomosNos_]


Somos Nós aposta por unha candidatura unitaria sen siglas e coa cidadanía como protagonista nas vindeiros eleccións xerais e ofrécese como punto de encontro para articulala. A plataforma reuniuse este domingo para realizar a súa primeira Asemblea Xeral, que definiu a posición do colectivo de cara ás lexislativas, aprobou os estatutos definitivos e nomeou a primeira xunta directiva.

A ese respecto, pronunciouse o líder de Somos Nós, Anxo Quintana, que avanzou que nos próximos días comezarán a reunirse con “xentes e organizacións” para buscar “vínculos de colaboración” co fin de crear esta Marea Galega.

“Na próxima lexislatura, no ámbito estatal, van a se decidir cousas moi importantes e Galiza non pode ficar ausente neste proceso nin tampouco aspirar a estar unicamente como espectadora”, sinalou Quintana en declaracións aos medios, recollidas por Europa Press.

Quintana alentou a unha candidatura que recolla un "sentir aberto, amplo e inclusivo" de Galiza.

O exvicepresidente da Xunta considerou que “sería bo que non fora unicamente o reflexo dun acordo entre partidos” e que o liderado parta da cidadanía. Nese sentido, Quintana descartouse como eventual candidato dunha gran candidatura galega de unidade que -asegurou- “é necesaria para ter unha representación propia nas cortes xerais para defender os intereses de Galiza pero tamén para participar na construción da vontade colectivo do Estado”.

Por ese motivo, alentou a unha candidatura que recolla un "sentir aberto, amplo e inclusivo" e ofreceu Somos Nós como “punto de encontro” entre formacións políticas e movementos sociais. “En todo o que poidamos colaborar para xerar ese movemento cidadá, estaremos dispostos a facelo, mais sen outro protagonista, porque non somos unha organización política”.

Comentarios