"A REPRESENTACIóN PROPIA DE GALICIA EN MADRID HOXE NON é UNHA PROPOSTA NACIONALISTA"

Somos Nós oferécese como escenario para construír unha “unidade” sen excluír a “ninguén”

A entidade social liderada polo ex portavoz nacional do BNG defende que Galiza teña no próximo Parlamento do Estado unha “representación propia, forte e decisiva”.

Somos Nós
photo_camera Somos Nós

O debate sobre a fórmula de concorrencia ao Congreso dos Deputados nas xerais de novembro incorporou esta quinta feira unha nova voz, a da iniciativa social Somos Nós, que encabeza o ex portavoz nacional do BNG e ex vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana.

A meio dunha declaración feita pública esta quinta feira, Somos Nós cre inevitábel que na próxima lexislatura estatal se produza un debate sobre “unha nova organización territorial do Estado”. “Unha nova organización que proporcione poder real de decisión para que as galegas e os galegos podamos, desde nós mesmos, sacar proveito os nosos recursos e xerar emprego”.

Somos Nós declara que "a representación propia de Galicia en Madrid hoxe non é unha proposta nacionalista"

Nese contexto, Somos Nós súmase á demanda de unidade popular galega e faino desde a consideración de que “a representación propia de Galicia en Madrid hoxe non é unha proposta nacionalista”. Isto situaría a esta entidade social no campo daqueles que apoian que a unidade non se cinxa exclusivamente a forzas políticas co centro de decisión na Galiza. De feito, a plataforma social esclarece que, baixo o seu ponto de vista, “ninguén pode ter o patrimonio exclusivo da unidade e ninguén ten que quedar excluído dela”.

Esta declaración irase debater na I Asemblea Xeral de Somos Nós axendada para o 28 de xuño.

Comentarios