INFORME ELABORADO POR 20 EXPERTOS

Somos Nós: Galiza sae ‘’gravemente penalizada’’ no actual modelo de financiamento local

Avoga por pedir o traspaso das competencias en materia de administración local e facendas locais. ‘’Galiza recibe neste ano un anticipo medio de 210 euros/habitante, mentres Madrid 350 euros e Catalunya 320”.

Somos Nós
photo_camera Somos Nós

O actual modelo de financimeto local penaliza “gravemente” a Galiza, que sae prexudicada dun reparto “esencialmente inxusto” que impide que os concellos galegos poidan cubrir os servizos básicos que prestan aos cidadáns. Esta é unha das conclusións do estudo ‘Galicia diante dun novo mandato municipal’, que foi presentado por Anxo Quintana e Antón Jardón, de Somos Nós. Un informe en cuxa elaboración tomaron parte por volta duns 20 expertos en distintas materias, desde constitucionalistas a economistas, de avogados a especialistas de administración local.

Para Somos Nós, no modelo de reparto actual prímase esaxeradamente a poboación e complementase co esforzo fiscal, sen ter en conta factores diferenciais galegos, como é o caso do modelo de asentamento, e o envellecemento da poboación ou a taxa de fecundidade. Con este modelo, prosegue Anxo Quintana, “Galiza sae gravemente penalizada. Con semellantes criterios recibe neste ano un anticipo medio de 210 euros/habitante, mentres Madrid recibe 350 euros/ habitante e Catalunya 320 euros/habitante”.

Propostas

Para corrixir ese desfase, Somos Nós propón demandar do Goberno central “un único e novo modelo de Participación nos Tributos do Estado (PTE) que trate as comunidades no seu conxunto, que contemple tamén o envellecemento e diseminación da poboación (Poboación: 65%. Entidades de poboación: 15%. Esforzo fiscal: 10%. Envellecemento de poboación e taxa de fecundidade: 10%.) “Unha proposta deste estilo, e aplicando os parámetros anteriores directamente sobre a contía total de 2015,significaría que Galiza tería que recibir o dobre do que actualmente recibe: Un total estimado de  1.158 millóns de euros”.

A asociación solicita tamén o traspaso das competencias en materia de administración local e facendas locais. Así mesmo, a elaboración, polo Parlamento galego, dunha lei galega de administración local que defina e regule o funcionamento das entidades locais galegas e a elaboración, polo Parlamento galego, dunha lei galega de facendas locais .

Comentarios