VOCES DE CAMPAÑA /DAVID BRUZOS

"Somos moi cautos coas enquisas pero hai unha tendencia clara de que En Marea vai cara arriba”

O cabeza de lista de En Marea por Ourense aspira a converterse no portavoz da súa provincia para "traslardar propostas e proxectos para revitalizar o rural". David Bruzos asegura que o obxectivo da candidatura é obter un grupo parlamentario galego.


Que pode aportar David Bruzos de ser elixido deputado?

O meu perfil será o de trasladar permanentemente toda proposta que veña de Ourense. Temos unha provincia moi rica, en recursos humanos e naturais e de patrimonio cultural, mentres temos uns indicadores económicos terríbeis, que demostran que non estamos no lugar onde deberíamos estar. Creo que ese traballo non se fixo e ese creo que é o meu perfil: ser portavoz permanente do que pase na provincia, de tanta xente que leva anos traballando nos movementos sociais e na política institucional. Hai moitas propostas, proxectos e iniciativas que permitirían revitalizar o rural e que é preciso que alguén as traslade, porque senón Ourense segue sen voz.

Cales serían as principais medidas que trasladaría?

Os datos amosan que somos unha provincia envellecida e moi afectada pola emigración e o paro. Con esa análise, as nosas propostas pasan por reforzar os sectores produtivos da provincia, como o agrícola, o gandeiro, o enerxético ou o aproveitamento dos recursos forestais, que existen pero están esquecidos. Nunca houbo vontade política para sacalos adiante. Non queremos que se limite simplemente a sacar materias primas e mandalas cara fóra, senón que se fagan pequenas industrias de transformación que aproveiten o valor engadido. Estes sectores pódense fomentar de forma sostible e ecolóxica, coidando tamén o noso medio, pero creando a industria que precisa a provincia. E outra parte está ligada co emprego público e polo tanto cos servizos públicos.

"Hai moitas propostas, proxectos e iniciativas que permitirían revitalizar o rural e que é preciso que alguén as traslade"

Que propón?

Temos unhas taxas de emprego público que roldan o 10% da poboación activa, moi por debaixo da media europea entre o 20 e o 30. Iso reflíctese en como están os servizos públicos na provincia. Todos os anos se pechan escolas e unidades educativas. Este ano tivemos o peche da escola de Calvos de Randín, os peches en anos sucesivos das escolas de Dacón, de Larouco, a de Éntoma... Temos centos de exemplos. Se a nivel educativo se pechan escolas e unidades, e a nivel sanitario pechan centros, se sumamos os conflitos coa xerencia única do Complexo Hospitalario, e se engade ao feito de que cada vez hai menos profesionais, pois vemos como os servizos empeoran.

Como mestre, que cambios impulsaría a nivel educativo, ademais dos recursos?

Por unha banda somos conscientes de que Galiza ten transferidas as competencias en materia de educación. Polo que moita da culpa da situación que estamos vivindo a nivel educativo procede fundamentalmente do goberno galego. Pero tamén é certo que hai leis marco, que fixan as liñas mestras de traballo en educación, e resulta claro que temos que chegar ao Parlamento do Estado e derrogar a lei Wert, que ten a dubidosa honra de ter posto en contra a toda a comunidade educativa. Hai que derrogala e defender o ensino público. A nivel galego, hai moitas cousas que temas que potenciar. A provincia de Ourense sempre somos a provincia esquecida, con menos recursos humanos e de infraestruturas. De súpeto chega unha subvención de Europa e, como non saben moi ben onde investilo, collen e amplían unha escola. E recoñecen que, claro, había eses cartos e había que gastalos que senón perden. Non hai unha política de planificación e sen esa planificación se fan as cousas mal.

"Serían uns resultados históricos en Ourense, onde nunca houbo un deputado que non fose do PP ou do PSOE"

As enquisas ventan a favor de En Marea. Como o vive?

Nós queremos ser moi cautos. Estamos facendo moito traballo. Si que é certo que hai unha marea de ilusión, que é fantástico, e somos conscientes da enorme responsabilidade que iso supón. A fin de contas, estamos falando de ter uns resultados que serían históricos a nivel galego, pero tamén na provincia de Ourense, onde nunca houbo un deputado que non fose do Partido Popular ou do Partido Socialista, agás no ano 86 que houbo un deputado do Partido Galeguista [en realidade, de Coalición Galega], quero lembrar. Serían uns resultados históricos, pero o tomamos con cautela. Temos a sensación de que hai unha tendencia, e iso si que vén ben marcado, que En Marea vai cara arriba. E que esta coalición de forzas oxalá tivera sido un pouco máis ampla. Pero estamos no punto que estamos e hai que seguir traballando para que nun futuro máis organizacións políticas e persoas dos ámbitos sociais e culturais se sigan sumando. 

Confías nun maior achegamento de estar presentes todas as forzas no Congreso?

"Oxalá esta coalición de forzas tivera sido un pouco máis ampla, pero hai que seguir traballando para sumar"

Si, claramente. Eu sigo dicindo que non participei das negociacións, pero confío na xente que estivo participando nas reunións para unha confluencia. Entendo que se puxeron todos os esforzos e que foi un proceso difícil porque tamén os tempos apremaban. Pero eu sigo tendo a confianza de que desde as municipais houbo avances e creo que hai que seguir tendendo cara aí. Creo que foi unha mágoa, pero non hai que facer drama e ter claro quen son as nosas adversarias e adversarios políticos. Eu dixen e insisto en que por suposto Nós-Candidatura Galega teña uns fantásticos resultados porque vai supoñer que lle imos sacar representación tanto a PP como ao PSOE.

Apoiaría unha coalición de goberno con outra forza estatal, como o PSOE?

En Marea temos claro que somos unha coalición que vai a defender de forma permanente os gobernos de maiorías sociais e para as maiorías sociais. Na medida en que haxa xente que cambie as súas prioridades políticas, pois benvidas. Pero se non cambian non hai opción ningunha. Nós polo de agora seguimos dicindo que o noso obxectivo claramente é obter un grupo parlamentario galego, que nunca sucedeu. Interésanos moito que haxa representantes galegas que defendan os intereses de Galiza en todas as comisións parlamentarias e no propio Parlamento. E a maiores de aí, favorecer que as nosas alianzas a nivel estatal provoquen un cambio. 

Comentarios