Segundo González, voceiro da FOGA, novo colectivo do BNG

"Somos militantes con ganas de traballar e de levantar este país"

Segundo González, 66 anos, militante nacionalista, sindicalista, activista social. É o voceiro da FOGA, o partido que acaba de asinar a súa integración no BNG. A partir do 18F, será o representante deste colectivo no Consello Nacional do BNG. "Imos achegar ao Bloque a nosa entrega militante", anuncia nesta entrevista con Sermos. 

ANAPONTON E SEGUNDOGONZALEZ SINATURA BNG+FOGA
photo_camera Segundo González, no momento de asinar, con Ana Pontón, o protocolo de integración no BNG.

-Que vos leva a integrarvos neste momento no BNG como colectivo? Ou quizá habería que dicer a reintegrarvos, non?

-Ben, algunha xente do FOGA xa fora militante do BNG, outra xente, eu mesmo, non, aínda que eu militara hai moitos anos no BNPG... A xente que deixou o BNG deixouno no momento daquelas leas [reférese ás escisións que darían lugar á constitución de Anova e Compromiso por Galicia). E, claro, como eramos xente militante, e para termos unha certa estrutura, decidimos constituír a Fronte Obreira Galega (FOGA). E tamén decidimos manter contactos e relacións con algúns colectivos así máis ou menos da nosa entidade -cando digo entidade refírome ao número, porque eramos grupos pequenos, pero xente bastante combativa. Movímonos con distintos colectivos, o Colectivo de Marín e cousas así, até que se abriu paso entre nós, cos contactos de uns e outros, a idea de criar Anova, porque nós fomos parte das orixes de Anova e, de feito, estivemos en todo o proceso de constitución e tivemos representantes en todos os órgaos, inclusive na Executiva tiñamos un representante como tal. 

Logo chegou o fiasco, o fiasco que para nós foi AGE, e esa decepción levounos a marchar. Por que? Porque acabamos descubrindo que no seu funcionamento cotiá en Anova se estaban a reproducir as prácticas que nós rexeitabamos dos partidos vellos, de partidos caducos, aquelas pelexas a morte polo poder que nós non podíamos compartir. Anova comezaba tamén a orientarse cara uns camiños na nosa opinión onde o nacionalismo xogaba un papel xa moito máis secundario. Entón decidimos marchar e emprender a aventura sós. Até que comezamos a traballar co BNG, tivemos unha serie de contactos, e aí estivemos na convocatoria conxunta dun Día da Patria, no Banquete de Conxo, na Iniciativa pola Unión, participamos nese proceso todo. A partir dese momento estivemos man a man con eles e traballamos con eles nas candidaturas [reférese ás listas ás xerais de decembro de 2015 e xuño de 2016 e as galegas de setembro de 2016].

Facendo ese traballo, comprobamos que no plano ideolóxico tiñamos plena coincidencia co BNG. E no plano do compromiso, tamén. Traballamos entón con eles pensando a largo ou corto prazo nunha posíbel integración, que chega agora.

-Como xulgades a evolución de Anova, xa coa formación da Marea?

-A nosa opinión se cadra che parece moi simplista... pero é que vemos que vai de mal en pior. Se les na prensa o que está pasando tanto en Anova como na Marea, levas as mans á cabeza e o que pensas é algo así como "que ben fixemos en marchar!". Nós non estamos dentro, mais a impresión que colles desde fóra, polo que les na prensa, é que a súa guerra é unha guerra de postos, que van a polos postos sen importarlles para nada os principios que os deben mover, os principios nacionalistas. Ti tes que marcarte obxectivos e en base a eses obxectivos pelexar coa forza que teñas, cada vez maior. Pero tes que marcarte uns obxectivos claros. E temos a sensación que non os teñen claros e que traballan fundamentalmente por conseguir parcelas de poder.

-Que pensas que FOGA como colectivo pode achegar ao BNG?

-Eu estou farto de repetir a mesma cantinela, perguntáronmo 17 veces [rimos]. Nós se fósemos un partido grandísimo ao mellor tiña que ser o BNG o que nos pedise a nós a incorporación. Pero somos un partido pequeno. E a nós non nos move ningún tipo de interese, nada máis que o interese de pór este país no sitio que lle corresponde, pór as traballadoras e os traballadores igual, no sitio que lles corresponde. Que imos achegar? O que fixemos sempre. Nós somos militantes, coido que militantes activos, bos militantes, ben traballadores da política e dos movimentos sociais, e esa é a nosa garantía. Bos militantes, con ganas de traballar e de levantar o país, e con ganas de cambiar a situación laboral, sindical, todo, os problemas dos bairros, todos os problemas viciñais... e, por supostísimo, nós estamos pola autodeterminación con todas as consecuencias e defendemos que temos direito a decidir e ponto. Que imos achegar ao BNG? Entrega, moita entrega, porque somos militantes, algúns bastante bregados, con moitas ganas de militar.

-Tendes decidido xa quen vai representar a FOGA no Consello Nacional do BNG [os colectivos integrados no Bloque teñen direito a designar un representante no máximo órgao da formación frentista].

-Si, en principio pensamos que a persoa que vai representar FOGA no Consello Nacional serei eu.

-Como estades a ollar o Proceso Adiante, a dinámica de debate que promoveu o BNG para relanzar o nacionalismo con vistas á XVI Asemblea Nacional do Bloque?

-O proceso vímolo como ilusionante desde un primeiro momento, mais tamén tiñamos certas dúbidas. Parecíanos pouco tempo o que se marcaba para levar adiante este proxecto, pero a verdade, a verdade, na práctica vemos que foi xenial, que se conqueriron os obxectivos que se perseguían. Parécenos moi positivo. Pensamos que influíu moito a figura de Ana [Pontón]. Ana é unha figura que inspira moita confianza na xente. É unha persoa que transmite moi ben.  Parte do éxito do Proceso Adiante pensamos que se debe a ela. Ana foi un acerto, na nosa opinión grandísimo, e o pobo galego, que xa o está valorando así, aínda o vai valorar máis en moi pouquiño tempo.

-A incorporación da FOGA reforza o frontismo dentro do Bloque, mais tamén potencia a impresión de que todo o frentismo que hai no BNG é de esquerdas. Non hai ningunha forza organizada dentro que represente xa non direi a direita, senón opcións menos situadas claramente no campo da esquerda. Que reflexións fas sobre isto?

-A ver, tamén é triste, pero hai pouca xente organizada no campo do nacionalismo pola direita. Onte estivemos en Rianxo no acto de Castelao e dentro do espectro nacionalista alí estaban os compañeiros do Partido Galeguista, Coalición Galega, pero a min a impresión que me dá é que non os vexo moi decididos porque aquí a direita é moi cautelosa. Facía falta que os movimentos eses de direitas se movesen un pouquiño porque a min me dá a sensación que inclusive ten que haber moita xente de direita que é nacionalista. Mais, bon, eu o que vexo todo é no lado da esquerda, mesmo máis á esquerda, aínda onte me reunín con algunhas persoas, porque me piden tamén un pouquiño de información ao respeito, sobre posibilidades de integración [no Bloque]. Na Galiza a direita e o nacionalismo están moi rifados.

Comentarios