MUNICIPAIS 2015

Somos Maioría crea unha marca electoral coa que aspira a presentarse en 20 concellos

Farano baixo a ‘marca instrumental’ Participación Democrática Directa de Galiza, que se presentará en municipios como Vilagarcía, Chantada ou Fene, entre outros.

Somos Maioría, o colectivo nado no verán de 2014 a partir dun manifesto asinado por persoas de diferentes procedencias políticas, aspira a presentar candidatura nunha vintena de concellos galegos nas eleccións de maio. Para iso rexistrou unha ‘’marca instrumental’’, Participación Democrática Directa de Galiza. Avogan por candidaturas populares horizontais protagonizadas pola “cidadanía” e con aposta na “democracia directa”.

Este colectivo sinala que ten pechada a súa participación coa marca Participación Democrática Directa de Galiza nos concellos de Vilalba, Sober, Chantada e Folgoso do Courel (Lugo), Xinzo (Ourense), Fene e Cabanas (A Coruña) e Vilagarcía, Cambados, Ribadumia (Pontevedra). Baixo a fórmula Somos Maioría concorrerán en Sada. SM agarda que esa listaxe se amplíe até 20 concellos en todo o país.

Comentarios