Ana Pontón, portavoz nacional do BNG

"Somos a forza política propia deste país"

Ana Pontón (Sarria, 1977) é a protagonista da entrevista política deste Sermos255, o imediatamente anterior ao Día da Patria Galega. Este 25X irá por segundo ano consecutivo á Praza da Quintana pronunciar o discurso máis importante do ano para unha dirixente do nacionalismo galego. Pontón transmite unha enorme determinación en todo o que fai, a de quen ten moi claro que se hai unha nación sen Estado que necesita unha pasada polo nacionalismo esa é Galiza. Eis un extracto da conversa. 

SONY DSC
photo_camera Ana Pontón

-"A nación que compartimos” é o lema co que o BNG convoca o Día da Patria Galega este 2017. Que queredes expresar con el?

-O que queremos expresar é que desde o nacionalismo temos un proxecto de país que sería beneficioso para as maiorías sociais. Alén diso, se algo necesita Galiza neste momento é unión en defensa dos nosos intereses. E para iso as galegas e os galegos teñen unha ferramenta, o BNG, cun proxecto e unha alternativa sólidas, un BNG que quer dar cabida a todas esas galegas e galegos que non só levan Galiza no corazón, senón que cren que é importante que haxa unha forza política propia do país que defenda os nosos intereses.

-O BNG está a facer un chamado á participación na manifestación do Día da Patria a nacionalistas e a non nacionalistas. Estades a pór moito o acento en que se trata dunha convocatoria aberta e inclusiva. Está pondo agora o BNG máis énfase no galeguismo do que no soberanismo?

7

-Esa é unha leitura que non ten que ver co que está pasando no BNG. O Bloque é unha organización política que ten os seus principios e os seus postulados formulados con moita clareza e o que queremos é sermos referentes para todas as persoas que se senten galegas e que acreditan que o país necesita unha forza política propia. Isto non é nen novidade nen para nada significa alterar o centro de gravidade do noso proxecto político.

(...)

-Agardas o 25X máis masivo dos últimos anos?

-Espero unha grande mobilización neste 25. Estou convencida de que a vai haber e de que vai contribuir a alargar pola base o proxecto do BNG. Se algún país necesita o nacionalismo este é Galiza. Se actuamos con intelixencia, humildade, e desacomplexadamente hai unha grande maioría social  para a cal as nosas teses son perfeitamente asumíbeis. E eu agardo que esa corrente de simpatía cara ao BNG continúe a medrar.

[A entrevista íntegra, unha dupla páxina, aparece no Sermos255, disponíbel na nosa loxa e tamén nos pontos de venda habituais]

Comentarios