Solla dá por boas as desculpas de Quinteiro e di que no grupo non se lle pediu que entregase a acta

A coordenadora nacional de Esquerda Unida non se uniu esta quinta feira ao coro de voces que pide a demisión de Paula Quinteiro.

Eva Solla. 9 de novembro de 2016
photo_camera Eva Solla

Perguntada na Coruña sobre a reunión que esta sexta feira manterá o Consello das Mareas -para eventualmente demandar á deputada que renuncie ao seu escano-, Eva Solla retrucou que ela só respondía polo contido da reunión tida onte polo grupo parlamentar. Nese encontro non se lle pediu a Quinteiro que entregase a acta de deputada.

"No grupo parlamentar falamos. Ela pediu desculpas. Damos por boa esa petición de desculpas. Ela reiterou que non estaba implicada en ningún ilícito [en ningún delito]. Iso é o que asumimos no grupo parlamentar", indicou esta quinta feira na Coruña Eva Solla -vicepresidenta segunda da Cámara- abordada pola imprensa que cubría a súa comparecencia, inicialmente convocada para falar da privatización das especializacións sanitarias no CHUAC.

"Ela xa saíu explicando a situación e pedindo desculpas. Iso é todo. Non merece ningunha valoración a maiores. Ela xa se desculpou e trasladou [ao grupo parlamentar] que é o que aconteceu e a utilización que se estaba a facer do que aconteceu" ,dixo.

Solla colócase, por tanto, ben máis perto de Martiño Noriega -que esta cuarta feira tentou desdramatizar o asunto- do que da coordenadora de En Marea e Xosé Manuel Beiras, partidarios de que Quinteiro asuma responsabilidades e renuncie a continuar no Parlamento da Galiza.

De acordo coa información publicada nalgúns meios, Paula Quinteiro viuse envolvida nun incidente, na madrugada do sábado ao domingo, entre a policía local de Compostela e un grupo de mozas e mozos que supostamente terían provocado destrozos -a rotura de espellos retrovisores- en algúns vehículos estacionados na rúa. Quinteiro tería amostrado aos axentes o seu cartón de identificación como parlamentar. Segundo o atestado policial, ao que tivo acceso Europa Press, a deputada tentou dificultar a identificación dun dos mozos por parte dos policías. Ela negouno esta terza feira, aducindo que simplesmente tentara mediar entre uns e outros.

Comentarios