Piden explicacións polas irregularidades do CHUP

Socialistas urxen reforzar o plan de vacinación con máis persoal

Gonzalo Caballero aproveitou a xuntanza en Vilalba coa alcaldesa da vila, Elba Veleiro, e co seu homónimo de Xermade, Roberto García, para reclamarlle á Xunta máis persoal sanitario para reforzar o plan de vacinación.
Gonzalo-Caballero-en-Vilalba-220121-1024x675
photo_camera Gonzalo Caballero con Elba Veleiro e Roberto García. (Foto: PSdeG)

O secretario xeral do PSdeG (Partido Socialista da Galiza), Gonzalo Caballero, propuxo hoxe ao Goberno da Xunta que reforce o persoal sanitario para o plan de vacinación, de maneira que se poidan “usar de inmediato todas as vacinas dispoñíbeis”, “perfeccionar o sistema de telemedicina” e “evitar reorganizacións e retrasos nas intervencións programadas”.

Gonzalo Caballero lanzaba estas propostas nunha comparecencia de prensa en Vilalba, logo de manter unha xuntanza coa súa alcaldesa, Elba Veleiro, e tamén o seu homónimo no veciño concello de Xermade, Roberto García.

O secretario xeral dos socialistas pediu “empregar todas as vacinas dispoñíbeis” para “protexer a xente”, xa que “é a maior garantía para loitar contra a Covid” e “a esperanza para saír adiante cunha sociedade máis fortalecida contra o virus”.

O líder do PSdeG requiriu, así mesmo, a comparecencia do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, “para explicar as irregularidades no proceso de vacinación no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP)”, logo de que saíse á luz que foron vacinadas 17 persoas “fóra de protocolo” e “de forma irregular”.

“Os responsábeis sanitarios están a evitar explicar o que aconteceu no CHUP”, ante o que “hai unha nebulosa”, insistiu o socialista. Gonzalo Caballero esixiu que se respecten os protocolos estabelecidos “de acordo ás normas” e “que non haxa discriminacións”. 

Noutra orde de cousas, o responsábel dos socialistas destacou que, “dúas horas despois” de que o PSdeG propuxese no Parlamento e ante o Clúster de Turismo “un plan de rescate para o turismo e a hostalaría” que incrementase en 62 millóns de euros as partidas previstas nos orzamentos da Xunta, o Goberno galego anunciou que ía “incrementar en 50 millóns de euros os fondos” para estes sectores.

Caballero agradeceu que a Xunta "empece a tomar medidas" e pediu que as axudas se "administren axilmente".

Comentarios