Os socialistas responsabilizan Feixoo "de calquera incidente" que derive das eleccións do 12-X

Os 21 alcaldes e alcaldesas socialistas da Galiza, así como os tenentes de alcalde da provincia de Pontevedra, acordaron hoxe "responsabilizar" ao presidente da Xunta "de calquera incidente sanitario ou organizativo" derivado da convocatoria de eleccións autonómicas para o 12 de xullo.
Gonzalo Caballero (centro) xunto a outros cargos do PSdeG (Foto: E.P.).
photo_camera Gonzalo Caballero (centro) xunto a outros cargos do PSdeG (Foto: E.P.).

Os 21 alcaldes socialistas da Galiza, así como os tenentes de alcalde da provincia de Pontevedra, acordaron este xoves "responsabilizar" ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, "de calquera incidente sanitario ou organizativo" derivado da convocatoria de eleccións autonómicas para o 12 de xullo. Así o acordaron na xunta telemática celebrada co secretario provincial, David Regades.

Segundo trasladan os socialistas nun comunicado, o Consello de alcaldes e alcaldesas expresou "a súa perplexidade" tras a publicación "dun confuso protocolo sobre seguridade sanitaria" no Diario Oficial de Galicia (DOG) e "pola transmisión de instrucións informais" para que sexan os concellos "os que asuman a contratación dos servizos de seguridade, desinfección e limpeza dos colexios electorais", con "a promesa verbal de reembolso" por parte da Xunta.

A "opinión unánime" expresada por  Regades, remarca o comunicado, é que se está ante "unha improvisación" do Goberno galego e un "novo exercicio de  “escapismo” dun Feixoo que, despois de convocar as eleccións rompendo o consenso político e poñendo en risco a saúde pública, agora busca fórmulas para culpar aos concellos por se algo sae mal".

Reunión telemática

Na reunión telemática, segundo indica o comunicado, participou tamén a presidenta da Deputación, Carmela Silva, e, como convidado, o secretario  xeral do PSdeG e candidato socialista á Xunta, Gonzalo Caballero.

En todas as intervencións "houbo coincidencia en que as competencias na organización do Día D son do Goberno galego, e o único responsable da celebración de eleccións nun escenario tan inseguro para a saúde pública é, exclusivamente, Núñez Feixoo".

Comentarios