A socialista Verónica Tourón, nova alcaldesa de Salceda

Substitúe a súa socia de Goberno Loli Castiñeira
Verónica Tourón (segunda pola dereita), na toma de posesión. (Foto: Europa Press) #salcedadecaselas #políticamunicipal #verónicatourón #salceda
photo_camera Verónica Tourón (segunda pola dereita), na toma de posesión. (Foto: Europa Press)

A concelleira do PSdeG-PSOE en Salceda de Caselas Verónica Tourón tomou hoxe posesión como alcaldesa do municipio en substitución de Loli Castiñeira —Movemento Salceda—, en virtude do pacto de goberno subscrito entre ambas as formacións tras os comicios de 2019, no que se estabelecía a mudanza á fronte do Executivo após os dous primeiros anos de mandato.

Nun pleno extraordinario celebrado no Auditorio Municipal de Salceda, e tal como estaba previsto, a candidatura de Tourón foi a única presentada para optar á alcaldía, xa que nin Movemento Salceda —en virtude do pactado— nin o Partido Popular —ao non dispor dunha maioría suficiente— pugnaron polo cargo. Así, a socialista foi elixida con sete votos a favor e catro en contra —do PP—.

Unha vez prometido o cargo e recollido o bastón de mando de mans da súa socia e predecesora, Verónica Tourón tomou a palabra para, en primeiro lugar, lembrar a cidadanía e as empresas do municipio que "sufriron e sofren" as consecuencias da pandemia da Covid-19.

Aliás, apuntou que a crise sanitaria "serviu para demostrar que se pode traballar desde a política unidas".

"Diálogo" e "consenso"

"Estamos aquí por e para a veciñanza, para nada máis, e quero convidar o grupo da oposición a ir por este camiño, porque o diálogo e o consenso teñen que ser a normalidade", expuxo a nova rexedora, que engadiu a continuación: "Tendo a miña man para dialogar, para que nos respectemos e antepoñamos os intereses de Salceda".

Así mesmo, Tourón salientou que a súa formación e Movemento Salceda seguirán a traballar "unidos" e "a diario", para que as e os veciños poidan "vivir mellor", así como para "culminar" os proxectos que xa foron postos en marcha no municipio e iniciar outros novos. "Xuntas seguiremos a facer grandes cousas, facendo camiño", sentenciou, dirixíndose a Castiñeira, "a primeira alcaldesa de Salceda".

A rexedora socialista recibiu o apoio antes da sesión plenaria do secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, quen aproveitou para reivindicar o "compromiso municipalista" do seu partido como a "mellor garantía para afrontar a recuperación económica e social".

Comentarios