O socialista Alberto García logra a Alcaldía de Catoira malia o fracaso da moción de censura

García recuperou esta mañá a Alcaldía co apoio de dous dos concelleiros que hai só tres semanas retiraron o seu respaldo coa idea de iniciar negociacións co BNG.
alberto-garcia-catoira (Canal 7 Rias Baixas)
photo_camera (Canal 7 Rias Baixas)

Un ano despois das eleccións municipais de 2019 o que fora alcalde socialista de Catoira Alberto García logrou a Alcaldía pese ao fracaso da moción de censura presentada a finais do pasado mes após un acordo do seu grupo co PP local.

Na votación celebrada no pleno da corporación despois do debate da moción de censura, frustrada coa dimisión do anterior alcalde Xoán Castaño (BNG), ningún dos candidatos obtivo a maioría absoluta. En concreto, García contou cos votos a favor de catro concelleiros do PSOE, xa que o quinto, Roberto Bouzón, abstívose. O tres concelleiros do BNG e o tres do Partido Popular votaron polos seus respectivos candidatos.

Con este resultado, García foi proclamado alcalde como candidato da lista máis votada.  "Hoxe volvín á Alcaldía porque así democraticamente o quixeron os veciños de Catoira", manifestou nada máis tomar o bastón de mando. O rexedor sinalou que a súa intención é a de esgotar o mandato, "aínda que no camiño sempre poden xurdir circunstancias imprevisibles".

O agora de novo alcalde asegurou non entender a abstención do concelleiro socialista Roberto Bouzón. "Onte (segunda feira) tiveron unha reunión coa dirección provincial e quedaron en votar todos a favor. Foi un cambio de opinión da noite para a mañá", sostivo.

Pola súa banda, o portavoz do BNG e ex alcalde, Xoán Castaño, mostrou a súa tristeza ante o feito de que Catoira teña que "volver ter un goberno dirixido por unha persona que levou este concello a un desastre".

Así mesmo, apuntou que agarda que "o Consello de Contas investigue e sáibanse realmente moitas das cousas que están a aparecer agora" en relación aos anteriores anos de mandato de Alberto García.

Pola súa banda, o portavoz do Partido Popular, Iván Caamaño, reafirmou que a súa preferencia era "un goberno conxunto" entre PSOE e PP, "como o que tentaban conformar coa moción de censura".

Comentarios