Declaración da Llotja de Mar

Todas as forzas do independentismo catalán, o BNG e EH-Bildu piden vías de diálogo co Estado

“Temos vontade de camiñar xuntas porque xuntas somos máis fortes”, di Bieito Lobeira sobre a declaración conxunta de once partidos políticos das tres nacións na que reclaman a liberdade dos presos políticos cataláns e demandan o exercicio do dereito de autodeterminación. A Declaración da Llotja de Mar apela á comunidade internacional a posibilitar, apoiar e promover solucións para os distintos conflitos territoriais abertos no Estado español.

Declaración da Llotja de Mar. 25.10.2019 en Barcelona. Autodeterminación Bieito Lobeira

O BNG asinou esta sexta feira en Barcelona a Declaración da Llotja de Mar con partidos políticos soberanistas de Euskadi e Catalunya na que se reafirman na defensa do “dereito á autodeterminación dos nosos respectivos pobos”, das “liberdades civís e políticas”, das “políticas sociais e económicas que permitan o progreso dos nosos pobos”, e na que reclaman a liberdade dos presos políticos e o retorno dos exiliados.

A Declaración da Llotja de Mar está asinada polas principais forzas soberanistas dos Països Catalans (Crida Nacional, CUP, Demòcrates, Esquerra Republicana, Esquerra Valenciana, MÉS per Mallorca, MÉS per Menorca e PDeCAT-Junts per Catalunya), por EH-Bildu e polo Bloque Nacionalista Galego

Tamén subscribiu a declaración República Valenciana-Partit Valencianista Europeu, aínda que non asistiu ao acto.

A primeira mensaxe que lanza esta declaración é a da unidade das forzas soberanistas catalás. Están todas. É unha mensaxe moi forte neste momento no ámbito catalán. A segunda mensaxe é a da unidade das forzas soberanistas das tres nacións sen estado do Estado español. Temos vontade de camiñar xuntas”, explica Bieito Lobeira, secretario de Organización do BNG, desde Barcelona a Sermos Galiza. Lobeira asinou a declaración xunto á parlamentaria Olalla Rodil en nome do Bloque.

Vainos a vida nisto porque estamos nun contexto represivo que abre un escenario terrorífico para o soberanismo e para o nacionalismo en xeral en calquera parte do Estado”, advirte Bieito Lobeira.

A Declaración da Llotja de Mar desta sexta feira é, en opinión de Lobeira, unha interpelación directa ao Estado español para que abra vías de diálogo, “no inmediato con Catalunya, pero tamén co resto das nacións”. Máis alá da solidariedade coas forzas soberanistas dos Països Catalans, explica o secretario de Organización do BNG, “ás demais forzas políticas vainos a vida nisto porque estamos nun contexto represivo que abre un escenario terrorífico para o soberanismo e para o nacionalismo en xeral en calquera parte do Estado”.

Declaración da Llotja de Mar. 25.10.2019 en Barcelona. Autodeterminación Bieito LobeiraEntre os participantes, Maddalen Iriarte e Arnaldo Otegi asinaron por parte de EH-Bildu, cinco días despois da súa chamada á unidade das nacionalistas, e Pere Aragonès, o vicepresidente da Generalitat que na quinta feira advertiu que o camiño cara a independencia é irreversíbel en Catalunya, fíxoo por parte de ERC.

Lobeira apunta que a Declaración está aberta a novas adhesións de partidos soberanistas e aposta por manter a coordinación na acción política das diferentes forzas “tendo en conta os ritmos diferentes e mesmo as diferencias na intensidade da represión en cada unha das tres nacións”, mais incidindo nesa “vontade de camiñar xuntas” porque “xuntas somos máis fortes”.

Solucións democráticas fronte á represión
A Declaración da Llotja de Mar insiste na aposta por solucións democráticas “ao conflito que os nosos pobos manteñen no seo do Estado español” e apela á comunidade internacional “a posibilitar, apoiar e promover ditas solucións”.

Ademais, o texto recrimina ao Estado español “a falta de respecto polo dereito á autodeterminación” e sinala esta circunstancia como a consecuencia dos “retrocesos democráticos que padecen as nosas nacións” e cita como exemplos da involución as “continuas ameazas de suspensión de autonomía”, “o recorte permanente dos nosos respectivos niveis de autogoberno mediante o intervencionismo do Tribunal Constitucional”, “unha acción lexislativa recentralizadora” e a “persecución policial de activistas e actividades políticas de carácter non violento”, entre outros.

Resistencias antidemocráticas
Finalmente, a declaración constata que a restrición dos dereitos fundamentais “é hoxe evidente a ollos de toda a cidadanía” e denuncia que “determinados ámbitos políticos, xudiciais, económicos, policiais e mediáticos impediron, por acción ou omisión, que España se teña transformado nun Estado plenamente democrático e moderno como os da contorna europea”.

Manifestación este sábado en Barcelona
declaraciobn llotja de mar nacio digitalEsta nova declaración de Barcelona (houbo outra asinada tamén polo BNG, pero nun contexto diferente: o de 1998) chega á véspera da que se anuncia como outra gran manifestación na capital catalá. Convocada por organizacións da sociedade civil, baixo o lema “Llibertat!” a cidadanía catalá está chamada a mobilizarse contra a sentenza do Supremo e pola autodeterminación. Nesta convocatoria estarán presentes o BNG e Anova, segundo avanzaron ambas organizacións.

O acto non tivo ningunha intervención política, “polo que non se detallou se a alianza selada nesta declaración tería reflexo político máis alá da firma”, informa Nacio Digital, que ofrece unha fotografía de todas as participantes e subliña o feito de que esta é “unha das primeiras accións unitarias do independentismo catalán”.

Comentarios