O soberanismo de esquerdas e IU rexeitan a sucesión monárquica

BNG, Amaiur, ERC e a Izquierda Plural amosaron a súa oposición á Lei Orgánica que rexe a abdicación de Juan Carlos I. A esquerda abertzale abandonou a Cámara baixa durante a votación argüíndo non participar "nesta farsa". 

Abdicación
photo_camera [Imaxes: Congreso dos Deputados]

Esta cuarta feira (11 de xuño) comezou o proceso de tramitación parlamentar da Lei Orgánica pola que se fai efectiva a abdicación de El-Rei. Con 299 votos a favor, 19 en contra e 23 abstencións, a Cámara baixa aprobou o texto lexislativo coa única oposición dos grupos soberanistas de esquerdas e a Izquierda Plural. 

Nas quendas de intervención as portavocías dos distintos grupos parlamentares debullaron os seus argumentarios nun debate que foi tildado de "farsa" en verbas do diputado de Amaiur, Sabino Cuadra. 

E é que a principal crítica das forzas que rexeitaron a lei foi o propio proceso para dar continuidade ao réxime monárquico, un réxime --sinalaron BNG e Amaiur-- "herdeiro do franquismo" dixo Olaia Fernández Davila.

Fronte ao acordo entre PP e PSOE, que mesmo se aplaudiron mutuamente na sesión. Os discurso do soberanismo de esquerdas e a Izquierda Plural quixo pór riba da mesa non só o debate arredor do modelo de Xefatura de Estado senón a prol de "procesos constituíntes" para que "as nacións sen Estado" poidan decidir. Para o deputado de ERC, Alfred Bosch, "os pobos" como as xefaturas de estado "non se herdan, non somos un móbel que pasa de pais a fillos". 

Mais a maioría parlamentar da Cámara non tiña por obxecto esta cuarta feira entrar no debate e "se non podemos falar", salientou Joan Baldoví desde Compromís, "é que algo cheira a podre". "Se tan seguros están do que pensan os cidadáns", acrecentou Cayo Lara interpelando a populares e socialistas, "deixen que amosen as súas preferencias". 

Pola súa banda PSOE e PP apelaron á "estabilidade" do sistema político español e á "seriedade" para non confrontar modelos e dar continuidade á monarquía española. Darlle continuidade a unha institución que para Alfredo Péres Rubalcaba (PSOE) "non é incompatíbel" co socialismo pois, dixo, a Coroa española respectou nestes 39 anos "escrupulosamente" a vontade popular. Esa que semellan non escoitar desde o PSOE. Ferraz non deu liberdade de voto @s deputad@s e somentes Odón Elorza se desmarcou da posición marcada pola dirección absténdose na votación como tamén fixeron @s parlamentares de PNV e CiU.

Pola súa banda, PP, UPyD, UPN e Foro Asturias votaron afavor dunha proposta lexislativa que iniciará o procedemento de coroación de Felipe VI. 

Comentarios