O soberanismo chama a rodear o Parlamento como acto a prol da República galega

Constatada a imposibilidade de unir forzas coa esquerda estatal -vista a dependencia de EU a respeito de Madrid-, o soberanismo comeza a despregar a súa propia axenda, coa República Galega como horizonte.

rodea

O BNG tomou a iniciativa esta semana. Primeiro, promoveu un encontro do soberanismo coa esquerda estatal, para ver se era posíbel algunha síntese. Segundo, e constatada a falta de autonomía de EU, chamou a actos simbólicos a prol da República galega. O primeiro, este sábado (12 h): unha cadea humana rodeará o Parlamento galego.

No acto, vocacionalmente aberto a toda a cidadanía galega, estará o BNG, mais tamén a organización independentista Nós-UP. De feito, está previsto que o evento conclúa coa leitura de senllos comunicados por parte de Xavier Vence e Rebeca Bravo, portavoces nacionais de BNG e Nós-UP, respectivamente. Chama tamén a participar na cadea humana o Partido Comunista do Pobo Galego (PCPG), organización que tamén se move no ámbito do soberanismo e que nas recentes eleccións europeas fixo parte da plataforma Avante Galiza! de apoio á candidatura de Os Pobos Deciden.

O soberanismo galego móvese arredor dun lema proposto polo BNG, Galiza pola República e polo dereito a decidir das nacións. O BNG promoveu as conversas habidas esta semana coa esquerda estatal, falidas após se verificar a dependencia de EU a respeito de IU e após se constatar a ligazón de Anova con esta organización de ámbito estatal.

Mesa Galega de Partidos

O obxectivo destas conversas -segundo salienta o BNG esta sexta feira nun comunicado de imprensa- era constituír unha Mesa Galega de Partidos que impulsase unha "axenda galega" para a ruptura democrática e para criar as condicións que permitisen abrir un proceso constituínte na Galiza, orientado á conquista da República Galega.

Concluídas as conversas sen acordo, o BNG manifestou a súa disposición a continuar sumando forzas arredor deses obxectivos políticos.

Por parte de Nós-UP, Carlos Morais, membro da dirección nacional desta formación soberanista, declarou a Sermos Galiza: "Estamos ante o primeiro paso da unidade de acción que non se conseguiu materializar nas reunións desta semana. O acto deste sábado simboliza a unidade do nacionalismo e o independentismo a prol da reclamación da República Galega".

Comentarios