Soberanía, o "único camiño" para que o pobo galego decida o seu futuro

As tres organizacións políticas convocantes da manifestación deste 3 de marzo cadran ao valorar de maneira moi positiva esta primeira experiencia de acción unitaria pola ruptura democrática e en prol dos dereitos nacionais da Galiza
photo_camera Cabeceira da manifestación [Maia]


Unhas horas despois de que a manifestación en prol da soberanía e contra a corrupción política enchera a praza de Praterías, en Compostela, as tres organizacións políticas convocantes quixeron facer balance.

Guillerme Vázquez (BNG): "O futuro de Galiza pasa pola soberanía"

BNG, Causa Galiza-CCPI e Nós-UP cadran ao salientar o carácter positivo que carrexa canda si a unidade de acción emprendida polos sectores soberanistas e independentistas en canto ás reivindicacións sobre as que xiraba esta protesta: dereito ao traballo, á igualdade e á plena soberanía nacional galega dunha banda, e un rexeitamento contundente á corrupción e á destrución social e cultural que traen canda si as políticas do PP.

"Estamos fartos de corrupción, cansos desta élite económicca e política que só persegue saquear as clases populares", proclamou Guillerme Vázquez (BNG), quen explicou a oportunidade desta acción conxunta cun taxativo "até aquí chegamos". Para alén de reclamar "un duro castigo" para "corruptos e corrompidos", insistíu na necesidade dunha "rexeneración democrática do sistema político en que estamos instalados". Para Vázquez chegou o momento de dar un xiro e "camiñar nunha dirección diferente" porque, acrecentou, "o futuro de Galiza pasa pola soberanía".

Fadi Mbarek (CCPI): "Quedou claro que non existe separación entre dereitos sociais e dereitos nacionais"

Pola súa banda, Causa Galiza-CCPI e Nós-UP cadraron ao valorar a presenza do BNG na mobilización deste domingo e insistiron no carácter positivo da unidade de acción emprendida "respectando os distintos proxectos e estratexias". Así o sinalou Fadi Mbarek (CCPI), quen destacou que "quedou claro que as tentativas de separar a reivindicación dos dereitos sociais e nacionais impulsadas desde sectores da esquerda españolista e organizacións que se din nacionalistas non se confirma na práctica real", en referencia ao argumento escrimido por Anova e Esquerda unida durante a campaña electoral. Dixo Mbarek que "quen se mobilizou foi o pobo galego".

Ao entender do independentista, a ampla resposta que tivo esta convocatoria evidenciou tamén que "nas bases das formacións nacionalistas e independentistas" fica interiorizada a idea de que, tal e como sinala o manifesto lido en Platerías, "estamos perante un momento decisivo para configurarmos o noso futuro". Aliás, tivo tamén palabras para os oito cidadáns galegos que fican presos e suxeitos á dispersión para enfatizar que "a súa repatriación a Galiza está asumida".

Carlos Morais (Nós-UP): "A única posibilidade de que Galiza decida é recuperar a soberanía"

Retomando as palabras de Guillerme Vázquez, Carlos Morais (Nós-UP) sinalou como único vieiro "que recuperemos a soberanía conculcada que perdemos hai moito tempo". Sería esta "a única posibilidade para que Galiza poida ter capacidade de decidir" pois, acrecentou, "España é a nosa ruína".

Morais mostrouse compracido porque o BNG fora na faixa de cabeceira desta protesta ao considerar que ficou conseguido "que unha parte da esquerda nacionalista que durante moitos anos apostou pola vía esgotada do autonomismo finalmente se sumara ás posicións históricas da independencia e da ruptura democrática con España". Concluída esta primeira resposta unitaria, toca reflexionar. Vaticinou Carlos Morais que "esta manifesación condicionará o futuro inmediato da recomposición da esquerda nacionalista galega, cuxo eixo central pasa pola soberanía".

Comentarios