XAVIER VENCE NO FORUM EUROPA

Vence di que con soberanía financeira Galiza recadaría 500 millóns anuais das 9 grandes fortunas

O portavoz nacional do BNG defendeu que o noso país teña a capacidade de recadar e fixar impostos, e criticou o actual financiamento autonómico que ‘’estrangula’’ a Galiza.

vence
photo_camera Xavier Vence, na intervención

A soberanía é a alternativa para Galiza, unha soberanía política, económica e financeira coa que sentar os alicerces para un outro país. O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, defendeu esta quinta feira no Forum Europa a importancia de que Galiza teña capacidade de decidir tamén nas cuestións financeiras. Criticou o modelo de financiamento autonómico que “estrangula” Galiza e sinalou que con soberanía financeira poderíanse recadar por volta duns 500 millóns de euros anuais a través de impostos nas 9 grandes fortunas que hai en Galiza e que acumulan 57.000 millóns de euros. E lembrou que en 2013 por imposto de patrimonio apenas se recadaron 278.000 euros, "nada". 

Na súa intervención, fixo una radiografía da situación económica actual, enfatizando que de manter Madrid e a Xunta as súas actuais políticas "non hai recuperación posíbel". Vence espuxo diversas propostas, como aumentar o impuesto a grandes fortunas, un novo sistema de financiamento e incrementar o investimento en investigación e na economía productiva, así como impulsar unha banca pública.

Vence lembrou que a soberanía non é un simple discurso mais “unha ferramenta precisa para resolver os problemas concretos dos galegos”. O lastre do centralismo, afirmou, fai que Galiza teña un comportamento pior ca media estatal, en particular no mercado laboral, con apenas un millón de ocupados, -“menos que hai trinta anos”-, mínimos históricos en poboación activa, en afiliación á seguridade social e unha taxa de paro que segue medrando en contra da tendencia estatal. 

“Sectores produtivos acosados por vetos, reconversións forzosas, limitacións como as supertaxas, cotas leiteiras e pesqueiras”, denuncia Vence, unha balanza fiscal negativa para Galiza embora ter un nivel de renda inferior á media estatal, a fuga do aforro bancario e as relacións de intercambio comercial “con prezos de colonia, baixos para o que producimos, sexa leite, peixe, carne, madeira, electricidade en orixe, e caros para o que consumimos, tarifa eléctrica común, carburantes, peaxes”.

Iniciativa de Anxo Quintana

Vence tamén se pronunciou sobre a iniciativa impulsada polo ex-vicepresidente da Xunta Anxo Quintana, sinalando que todo o que sexa aumentar “a conciencia” de país son benvidas e indicou que Galiza “precisa este tipo de iniciativas”. O portavoz do BNG lembrou que desde esta organización levan tempo defendendo a necesidade de sumar forzas e apoios en torno a un proxecto nacionalista.

Comentarios