Só o PP ve "oportunidade de desenvolvemento" na mina a ceo aberto de Corcoesto

A maioría da formación conservadora impediu quitar adiante no Parlamento galego unha moción do BNG apoiada por PSOE e AGE en que se exixía a paralización do proxecto da empresa canadense Edgewater, que a Xunta tramitou como 'de interese estratéxico'
photo_camera Deputad@s do PP no Parlamento [Imaxe: Xunta de Galiza]


Máis unha vez, a maioría absoluta do PP impediu quitar adiante no Parlamento galego unha proposición non de lei presentada polo BNG e apoiada por PSOE e AGE en que a oposición reclamaba a paralización do proxecto mineiro a ceo aberto que a empresa canadense Edgewater pretende executar en Corcoesto, afectando o monte dos concellos de Cabana de Bergantiños, Coristanco e Ponteceso, e que a Xunta tramitou como proxecto industrial estratéxico para acelerar os prazos na concesión de licencias, situación que foi cualificada por AGE como "un claro fraude de lei".

Así as cousas, o documento que defendeu na Cámara o deputado nacionalista Carlos Aymerich, quen visitou a localización que terá a explotación a ceo aberto en Corcoesto, define os plans de Edgewater como "un megaproxecto que minimiza os custos de produción" botando man de tecnoloxías "obsoletas e contaminantes" co obxectivo de que a empresa estranxeira tire do monte galego o máximo rendemento en termos económicos malia destruír máis de 700 hectáreas con cortas a ceo aberto.

Mocións en todos os concellos da comarca afectada

Os custos ambientais "socialízanse" neste proxecto que, ao entender do BNG, é "máis propio da época colonial" e no cal o PP concede "dereito de pernada" sobre o territorio ao lle outorgar a condición de interese estratéxico. Tal posicionamento aparece recollido nunha moción que a formación frontista levará a todos os concellos da comarca afectada pola mina, un texto moi similar ao que esta quinta feira se debateu en comisión parlamentaria e que, de saír apoiada, as corporacións municipais instarían á Xunta a non aprobar o proxecto de Edgewater.

Durante o debate parlamentar, Aymerich lamentou o posicionamento da formación conservadora perante un plan "que porá Galiza á cola de Europa en materia medioambiental", pois as lexislacións aprobadas nos estados da contorna avanzan cara á prohibición da minaría con cianuro e das explotacións a ceo aberto.

Pan para hoxe e fame para mañá

Namentres, a Xunta teima en defender o proxecto mineiro cifrando en 1.371 os postos de traballo que se van crear, cantidade que reduce a propia empresa a 271, que son os que colocaron no proxecto por ser o número mínimo necesario para que se considere proxecto estratéxico. A Plataforma pola defensa de Corcoesto sostivo sempre que serán moitos menos, por volta de 50, e que non empregarán man de obra local, para alén de que a destrución do territorio non ficará compensada en ningún caso nin cos salarios nin coa duración dos contratos que ofrece a empresa.

PSOE e AGE expresáronse en termos semellantes e apoiaron a iniciativa, que o PP botou abaixo en solitario ao entender, en palabras do deputado Pedro Arias, que "estamos perante unha oportunidade de desenvolvemento económico nunha provincia que é a máis mineira da Galiza".

Comentarios