Só 146 persoas votan a reorganización da Marea Atlántica

Das 3.500 persoas que respaldaron o Manifesto fundacional da Marea só 146 participaron na votación das novas normas de funcionamento interno. 80 por cento respaldaron o documento oficial en que se di adeus ás listaxes abertas e desbloqueadas.

foto EM
photo_camera Foto: En Marea

Segundo fontes da organización, a militancia realmente activa da Marea Atlántica roldaría as 300 persoas, unha décima parte das que asinaron no seu día o Manifesto Fundacional.

O documento oficial -elaborado por A Lanzadeira, grupo liderado polo chefe do gabinete de Xulio Ferreiro, Iago Martínez- obtivo 80 por cento dos votos, en tanto que o 20 por cento dos sufraxios restantes se inclinou por manter as regras de xogo internas tal e como até agora. As votacións producíronse durante a sexta feira e o sábado pasados.

A efeitos prácticos, a principal mudanza é a asunción por parte da MA do sistema de candidaturas fechadas nas primarias, sen existir votación separada para a persoa que as encabeza. Desaparecen, por tanto, as listaxes abertas e desbloqueadas.

Na web oficial da organización, MA afirma que a "negociación" das candidaturas nas primarias "debe ser transparente e ter vontade integradora, en lugar de responder a intereses de parte e negociacións opacas".

Comentarios