SMS do conseguidor, a Crespo: “Comendo en Beluso, presidente, mar...! Todo ben”

Os indicios da íntima amizade que unía a Feijóo con Pachi Lucas, o conseguidor da Operación Zeta, son cada día máis incontestábeis. Visitaban con frecuencia Beluso (Bueu) e ían xuntos ás touradas en Pontevedra.

Arriba: Rueda, Pachi Lucas e Bello Janeiro. Diante: Rajoy, Feijóo e Louzán. Foto: El País
photo_camera Arriba: Rueda, Pachi Lucas e Bello Janeiro. Diante: Rajoy, Feijóo e Louzán.

Mergullando no sumario da Operación Z -unha investigación que está a ser instruída polo xulgado número 6 da Coruña-, é posíbel rastexar un SMS enviado por Pachi Lucas o 22 de Maio de 2011 a Gerardo Crespo, o artífice da trama presuntamente corrupta. É o día das eleccións municipais, en que o PP accede aos gobernos municipais de A Coruña, Santiago e Ferrol. A mensaxe di literalmente: "Comendo en Beluso, presidente, mar...! Todo ben".

A praia de Beluso é un escenario en que, segundo fontes consultadas por Sermos Galiza, se puido ver con certa frecuencia a Feijóo con Francisco Ramón Lucas Blanco, o empresario madrileño amigo íntimo do presidente da Xunta que aparece na trama como enlace entre Gerardo Crespo e as administracións politicamente controladas polo Partido Popular.

Pachi Lucas é un empresario madrileño con sociedades mercantís que se dedican á comercialización de regalos e á orfebrería, mais tamén estivo en nómina de Crespo.

Feijóo e Lucas non só paseaban por Beluso, tamén teñen ido xuntos ás touradas. De facto, existe unha fotografía de agosto de 2011 en que se pode ver o "conseguidor" sentado a carón de Alfonso Rueda e no mesmo tendido en que aparecen Rajoy, Feijóo e Louzán.

A trama de Crespo obtivo entre 2008 e 2012 20 millóns de euros das administracións públicas (15 da Xunta e 5 do Estado español).

Na contabilidade da rede aparece en 2011 un cargo de 17.000 euros a nome do Partido Popular

En 2011, Lucas enviou unha mensaxe a Crespo para lle comunicar que conseguira fixar unha reunión con Ana Pastor, ministra de Fomento. O encontro ía ter lugar en Génova, sede do PP, o 7 de xullo de 2011. Pastor nega tal encontro e nega inclusive coñecer a Crespo.

Na primavera de 2012, Lucas racha toda relación con Crespo. A policía acha que a razón é que sabía que estaba sendo investigado. De facto, a Consellaría de Benestar estaba a realizar inspeccións nas empresas de Crespo. O 1 de xuño, o empresario diríxelle esta mensaxe a Carlos Negreira, alcalde da Coruña: "Carlos, estase a cometer unha inxustiza coa miña empresa e vaime levar á suspensión de pagamentos. Ningún me colledes o telefone, incluído Pachi, a quen aconsellades que me deixe".

Toda esta información está contida nos 20.000 folios do sumario que instrúe o xulgado de instrución número 6 da Coruña. O que se deduce da Operación Zeta é que estamos perante un caso flagrante de financiación irregular do Partido Popular a través dunha rede de empresas que contrataban coas administracións públicas para realizar cursos de formación que en moitas ocasións nen sequer se chegaban a materializar. Na contabilidade da rede aparece en 2011 un cargo de 17.000 euros a nome do Partido Popular.

Comentarios