A situación sanitaria e a fin da Tarxeta Básica, temas principais do derradeiro pleno do curso político

O último acareo da oposición co presidente da Xunta centrarase na "situación de emerxencia" económica na Galiza.
O parlamento galego nunha imaxe de arquivo. (Álvaro Ballesteros / Europa Press)
photo_camera O parlamento galego nunha imaxe de arquivo. (Álvaro Ballesteros / Europa Press)

Os grupos da oposición aumentarán a súa presión política sobre o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, no último pleno ordinario do curso antes do parón estival. Na derradeira sesión deste curso político na Galiza demandarán explicacións sobre a situación na sanidade e a supresión da Tarxeta Básica.

A orde do día da primeira e última sesión do mes de xullo foi configurada esta terza feira na xunta de portavoces, onde o BNG tratou sen éxito lograr unha comparecencia do xefe do Executivo galego ante a "situación de emerxencia social, económica e sanitaria sen precedentes que vive a Galiza".

"A señora Pontón debería vir máis por aquí (Parlamento)", contestou o viceportavoz dos populares Alberto Pazos Couñago, que afirmou que eses asuntos foron os temas que centraron a sesión de investidura de Rueda, o pasado mes de maio.

Por outra parte, a comparecencia deste pleno estará protagonizada polo conselleiro de Cultura, Educación, Universidades e FPRomán Rodríguez, que abordará as novidades do vindeiro curso de Formación Profesional.

Despois, a Cámara votará a proposta de renovación dos consellos de administración da CRTVG e Contas, pactada entre PP e PSdeG, e tomará a palabra a valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño, para presentar ante o pleno a súa memoria anual. 

Derradeiro acareo 

O derradeiro acareo de Ana Pontón (BNG) e Luís Álvarez (PSdeG) con Alfonso Rueda estará centrado na "situación de emerxencia" que, segundo nacionalistas e socialistas, atravesa o noso país polas consecuencias da pandemia, a crise de prezos e a "deterioración" dos servizos públicos.

"Este país non pode permitirse un presidente insubstancial, instalado no parche e na propaganda", afirmou o deputado do BNG Manuel Lourenzo, que engadiu que a portavoz nacional aproveitará para expor as "alternativas" do BNG durante a sesión de control.

Pola súa parte, os socialistas porán o foco na supresión da Tarxeta Básica, orientada a sufragar os custos de bens básicos (alimentación, hixiene ou produtos farmacéuticos) e cuxo remate foi anunciado a pasada semana pola Xunta.

Segundo a parlamentaria do PSdeG Begoña Rodríguez Rumbo, "é chocante" que o presidente de Goberno galego decida após mes e medio no cargo eliminar unha das medidas "de maior calado" ante a situación "postpandémica e inflacionista".

Mocións e iniciativas

O PP levará ao pleno dúas proposicións non de lei coas que lograrán, grazas á súa maioría absoluta, que a Cámara galega faga seu o rexeitamento ao mapa de transporte por estrada deseñado polo Goberno español e á prohibición da pesca de arrastre en varias zonas onde operan barcos galegos.

O BNG tamén presentou dúas mocións. Coa primeira pedirán o reforzo da atención pediátrica nos centros de saúde do país durante a tempada estival e, coa segunda, solicitarán medidas para reducir os problemas de saúde mental na poboación galega, especialmente entre a mocidade.

Por último, o PSdeG demandará na Cámara que a Xunta se comprometa a participar no plan de axudas ao alugueiro deseñado polo Estado español; preguntarán sobre as dificultades dos concellos para cubrir os persoais de socorrista durante o verán; e esixirán compromisos para mellorar a educación afectivo sexual entre os máis pequenos para reducir as agresións sexuais.

Comentarios