A segunda feira arrancan os traballos da comisión parlamentaria

O sistema de financiamento marca o debate no Parlamento a vindeira semana

A reforma do sistema de financiamento marcará o vindeiro período de sesións no Parlamento da Galiza. Tanto é así, que a terza feira arrancan as comparecencias na comisión de estudo constituída a tal fin na Cámara galega. A profesora da USC e colabora de Nós Diario, María Cadaval, será a primeira en intervir.
Unha sesión da comisión no Parlamento da Galiza. (Foto: Europa Press).
photo_camera Sesión de constitución da comisión parlamentaria sobre financiamento. (Foto: Europa Press)

O debate sobre o sistema de financiamento vai marcar a axenda política dos vindeiros meses na Galiza e no Estado. A maiores de determinar as súas conclusións finais os instrumentos financeiros das diferentes comunidades para facer fronte ás necesidades da súa cidadanía, vai condicionar de xeito decisivo o nivel de autogoberno de cada unha delas e a súa capacidade para a definición das políticas económicas.

Calendario da comisión de financiamento

O calendario de traballos da comisión lexislativa constituída para definir a proposta galega diante do novo modelo de financiamento arranca a terza feira. Precisamente nesa xornada interveñen a economista da Universidade de Santiago de Compostela (USC) María Cadaval e a anterior conselleira de Facenda e senadora Elena Múñoz.

Cadaval, profesora de Economía Aplicada da USC e membro da Rede de Investigadores en Financiamento Autonómico e Descentralización Financeira, ten sinalado a Nós Diario que a proposta do Goberno do Estado “é continuista coa que no ano 2017 fixera a comisión de expertos, con algunha modificación” e defende que  “o novo modelo precisa gañar en suficiencia, equidade transparencia e simplicidade. A Galiza debe puxar sobre todo porque se cumpran as dúas primeiras é dicir, gañar en suficiencia e en equidade”.

A cuarta feira é a quenda de Xosé Díaz e Santiago Lago. O primeiro é economista e autor do volume sobre financiamento publicado por Sermos Galiza As contas que nos contan. O segundo é catedrático de Economía Aplicada na  Universidade de Vigo e representante da Galiza no comité de expertos para a reforma do sistema de financiamento autonómico.

“Sistema de concerto”

Díaz ten defendido en Nós Diario un “sistema de concerto ou un sistema polo que a Galiza dispuña dunha axencia tributaria propia que recade todos os tributos que implica o sistema fiscal español, con capacidade de lexislación sobre deles, de maneira que todas as fontes de riqueza e patrimonio que se produzan na Galiza, por persoas físicas ou xurídicas, sexan galegas ou non, tributen relixiosamente neste país onde os obteñen”.

A xornada da quinta feira o Parlamento da Galiza recibe ao profesor da Universidade Pablo Olavide de Sevilla e secretario xeral de Financiación Autonómica e Local do primeiro Goberno de Pedro Sánchez, Diego Martínez López e ao profesor de Economía Aplicada da USC e colaborador de Nós Diario Bernardo Valdês Paços.

As comparecencias féchanse a sexta feira coa intervención do economista e senador do PSOE Xoaquín Fernández Leiceaga e do síndico maior da Sindicatura de Contas do Principado de Asturias Roberto Fernández-Llera.

Comentarios