DEBATE NO PARLAMENTO

Un sistema de financiamento local que furta 142 euros por galeg@

O modelo aplicado polo Estado non contempla criterios da realidade territorial e poboacional de Galiza. De aí que os concellos galegos reciban 212 euros por habitante fronte aos 354 dos municipios madrileños. Unha merma con consecuencia directa no benestar da veciñanza.

Concello

O 9 de abril de 2015 a Comisión de Economía e Facenda aprobaba por unanimidade un acordo, con raíz nunha proposta do BNG, para que o Parlamento instase á Xunta a unha reforma do modelo vixente de financiamento local. Un emprazamento, coincidían as forzas parlamentares, para reivindicar un modelo que proporcionase máis recursos aos concellos galegos -prexudicados en comparación coa media Estado- e adoptase criterios propios da realidade galega, por exemplo, a dispersión. Máis de dous meses decorreron desde entón e o BNG volveu levar a cuestión a esa mesma comisión esta quinta feira para que o goberno explicase que fixo perante a solicitude unánime dos grupos da Cámara.

Unha cuestión que non é, o financiamento local e a súa reforma, para nada baladí. Explicouno na súa comparecencia o deputado nacionalista Francisco Jorquera: “Os concellos galegos están á cola na participación nos ingresos do Estado”. O que se traduce en que os concellos galegos reciben unha media de 212 euros por habitante, mentres que no conxunto das autonomías de réxime común esa media é de 263 euros por persoa. Ou sexa, 51 euros menos por galego.

Unha fenda que se agranda máis se a comparación se fai entre o que recibe un concello galego por habitante e un municipio madrileño (354 euros por persoa) ou catalán (320). Isto supón 142 euros máis, no caso madrileño, ou 108 euros máis, no catalán, que en Galiza.

“Inxustiza

“Son dados que falan por si propios da inxustiza do sistema actual”, dixo Jorquera, que ligou ese financiamento prexudicial para os concellos galegos cunha repercusión directa no benestar de veciñas e veciños. O gasto público por habitante das institucións locais galegas está nos 817 euros, mentres que a media a nivel de Estado é de 1.048, 231 euros máis por persoa.

Variar os criterios

Actualmente os criterios que se aplican no modelo de financiamento teñen en conta a poboación, o esforzo fiscal e a capacidade tributaria. Mais non se teñen en conta factores como a dispersión ou o avellentamento, “que inciden claramente no custo dos servizos” que deben asumir os concellos. Por iso, na proposta aprobada por unanimidade en abril na Comisión de Economía un dos puntos se refería á necesidade de adoptar eses criterios.

O representante do goberno galego na Comisión manifestou esta quinta feira que ese acordo de abril será o que teña presente a Xunta no momento no que comecen as negociacións para a reforma do sistema de financiamento local. Jorquera, pola súa parte, pediu ao goberno galego “que exerza como tal” e que avogue por abrir unha negociación do modelo de financiamento no que defenda os intereses dos concellos galegos. 

Comentarios