Os sindicatos consideran "insuficiente" a proposta de Correos de 600 contratacións para as eleccións

A dirección estatal de Correos comunicou á representación dos traballadores e traballadoras a súa intención de facer 600 contratacións para reforzar o período de electoral, unha cifra para Galiza e País Vasco que os sindicatos consideran "insuficiente" ante o volume que se prevé polo aumento do voto por correo, derivado da crise da COVID-19.

Vehículos de Correos diante da sede da empresa pública no centro da Coruña (Foto: Nós Diario).
photo_camera Vehículos de Correos diante da sede da empresa pública no centro da Coruña (Foto: Nós Diario).

A dirección estatal de Correos comunicou á representación dos traballadores e traballadoras a súa intención de facer 600 contratacións para reforzar o período de electoral, unha cifra para Galiza e País Vasco que os sindicatos consideran "insuficiente" ante o volume que se prevé polo aumento do voto por correo, derivado da crise da COVID-19.

Nas eleccións xerais de 2019 o voto por correo case se duplicou con respecto a 2015, pasando de 37.974 a 62.418, o cal ocasionou problemas aínda sen darse as circunstancias sanitarias actuais.

Esta comunicación tivo lugar no transcurso dun encontro celebrado hoxe para analizar o borrador de instrucións mediante o que os carteiros e carteiras deberán rexerse nesta campaña electoral, na que o voto por correo terá un protagonismo especial debido a que os propios dirixentes políticos pediron facilitalo para evitar a masificación dos colexios o día 12 de xullo.

O borrador de instrucións aínda non é definitivo -prevese que nas próximas horas os sindicatos reciban o documento final-, pero nel inclúense algunhas das demandas dos sindicatos con respecto á recollida do voto, como non entrar nos domicilios dos electores. Pendente queda por que se especifique tamén que non se entrarán en residencias de maiores, aínda que Correos comprometeuse a que así será, como até agora (a repartición e recollida realízase na porta dos domicilios de forma ordinaria).

"Máis contratacións"

Unha das demandas que levan realizando os representantes sindicais desde a convocatoria electoral e, máis concretamente, coas chamadas a impulsar o voto por correo, é o reforzo de persoal. Correos anuncioulles 600 contratacións -non contratos individuais de persoas-, que non foron distribuídos por comunidades pero que virará arredor da metade para cada unha delas.

"Son insuficientes", manifestou Xan Xove, de CXT en Galicia. Neste sentido, lembrou as dificultades habituais que xa teñen os carteiros na repartición de propaganda, cartóns censais e documentación de voto por correo -estipúlanse dous intentos nos domicilios por cada un dos electores-.

A este respecto, Anxo Álvarez, da CIG, considerou que é unha cifra "claramente insuficiente para levar a cabo todo o traballo no proceso electoral". Ademais, mostrouse a favor de que se reforce a repartición o 4 de xullo, unha previsión que ten Correos, segundo explicou, pero que non se concretou aínda en firme: "Parécenos que ten que ser unha previsión real, non unha posibilidade, sempre voluntario, para aliviar a carga de traballo".

Pola súa banda, nun comunicado conxunto, CC OO e UXT denunciaron que coa proposta de 600 mensualidades "non se cobre nin o emprego estrutural necesario" e reclamaron un "reforzo do cadro suficiente" e organización nos centros de traballo para "evitar os contaxios". Así mesmo, como pedira tamén CSIF e os demais sindicatos, reclamáronse compensacións económicas maiores que as que planifica Correos para os traballadores por esta campaña electoral, que segue "conxelada" en 117,78 euros "desde hai 15 anos" na retribución fixa (máis a repartición de publicidade e dos cartóns censais, cunha contía concreta por sobre).

Comentarios