Silencio na Xunta coas contas da Deputación de Ourense

O Goberno galego rexeita valorar o recente informe do Consello de Contas sobre a Deputación de Ourense que, entre outras cuestións, reproba que dese sen concorrencia ao redor de 80% de contratos e subvencións en 2018.
Contas ve defecto graves no exercicio 2018 da Deputación de Ourense (Foto; Europa Press)
photo_camera Contas ve defectos graves no exercicio 2018 da Deputación de Ourense (Foto; Europa Press)

A directora  xeral de Administración Local na Xunta da Galiza, Natalia Prieto, negouse a valorar o recente informe do Consello de Contas sobre a Deputación de Ourense -en que, entre outras cuestións, reproba que dese sen concorrencia en torno a 80% de contratos e subvencións en 2018- dado que considera que sería unha "inxerencia".

"Desde a Xunta non temos competencias para coñecer, controlar ou opinar sobre os procedementos de contratación administrativa, concesión de subvencións ou cumprimento das obrigacións en materia de transparencia, ética, bo goberno ou acceso a información pública nin da Deputación de Ourense nin de ningunha outra Deputación", afirmou.

Así o expuxo en resposta a unha pregunta de Noa Presas (BNG) na comisión de Economía, en que a deputada nacionalista expresou que "a Xunta algo debe opinar" sobre este "escandaloso" informe sobre a Deputación que dirixe o popular Manuel Baltar, "en lugar de permanecer en silencio defendendo os intereses partidarios do PP".

A nacionalista acusou a Xunta de ser coñecedora do que acontece na institución que dirixe “a saga Baltar”, e recordou que hai maior participación económica e institucional da Xunta coa Deputación ourensá que co resto de institucións provinciais. 

O obxecto da disputa é o informe do Consello de Contas sobre a contabilidade da Deputación de Ourense correspondente a 2018, xa que constata "defectos graves" que "impiden considerala como conta rendida" e pon o foco en que a institución optou por vías distintas á da concorrencia competitiva á hora de entregar nese exercicio a maior parte de contratos e subvencións.

Denuncian "clientelismo" en Expourense 

Por outra banda, o parlamentario socialista Juan Carlos Francisco criticou na comisión de Economía o nomeamento do ex alcalde popular de Arnoia e ex delegado da Xunta, Rogelio Martínez, como xerente de Expourense como “pago político de Feixoo” pola manobra interna de “abandonar no seu día o baltarismo para intentar derrubalo, o que non conseguiu”.

O socialista considera que o único que logra este nomeamento é “perpetuar clientelismo e o enchufismo”. Ademais, amosouse moi crítico coa xestión realizada por Rogelio Martínez en Arnoia, polo que o ve incapacitado para o novo posto. 

Comentarios