Setenta organizacións e colectivos convocan a manifestación deste domingo polo arquivo da ‘Operación Jaro’

Partirá ás 12:00 horas da Alameda de Compostela. ‘Polas liberdades democráticas plenas e o arquivo definitivo da montagem político-judicial contra 9 independentistas’.

causa galiza manifestación Foto GZcontrainfo
photo_camera Foto: GZcontrainfo

Por volta de 70 organizacións, asociacións e colectivos convocan a manifestación que este domingo, 23 de abril, terá lugar en Santiago de Compostela para pedir o arquivo da causa que a Audiencia Nacional mantén aberta contra 9 independentistas a raíz da ‘Operación Jaro’. As persoas encausadas neste operativo inciden en que a amplitude dos apoios amosa que hai na convocatoria “un plus de legitimidade política e social” que, engaden, non é habitual neste tipo de mobilizacións.

A manifestación pedirá o arquivo da causa e a fin das “montaxes” contra o independentismo, para alén de defender as “liberdades democráticas plenas”. Entre as organizacións e entidades convocantes, lembran as encausadas, hai desde organizacións políticas (BNG, Anova, Podemos Galiza ou Causa Galiza), sindicatos (CIG, CUT, FRUGA ou SLG), numerosos centros sociais do País, organizacións estudiantís ou da mocidade (Erguer, Xeira, Briga, Isca!, Galiza Nova, entre outras) ou movementos feministas como MNG ou Conas Ceivas.

A isto hai que engadir os perto de 600 apoios acadados polo ‘Manifesto Abrolhar’, entre os que figuran representantes de diferentes ámbitos, do político e sindical até o cultural e social. 

Comentarios