A sesión de investidura de Pedro Sánchez será o 2 de marzo

Se non obtén maioría absoluta a votación repetirase 48 horas despois.

Patxi López e Pedro Sánchez_Congreso
photo_camera Patxi López e Pedro Sánchez [Imaxe Congreso]

O pleno de investidura de Pedro Sánchez, como candidato á presidencia do goberno español, xa ten data. Será o vindeiro 2 e 3 de marzo. Así o comunicou o presidente do Congreso, Patxi López esta segunda feira (15 de febreiro) após reunirse co líder socialista. 

López sinalou que era "razoábel" deixar o "prazo dun mes" para que Pedro Sánchez desenvolvese as consultas entre as demais forzas políticas con representación parlamentar. Neste senso a data do pleno coincide exactamente 30 días despois de que o xefe de estado, Felipe de Borbón, o propuxese como candidato o 2 de febreiro. 

Unhas hipotéticas novas eleccións serían o 26 de xuño

Con esta data de referencia comeza a conta atrás. Se o líder socialista non consegue en primeira votación maioría absoluta de apoios a sesión repetiríase 48 horas despois, isto é, o 5 de marzo. Neste senso, se finalmente Pedro Sánchez non é eleito presidente do goberno español a Constitución de 1978 prevé a disolución da Cámara o 3 de maio. É dicir, dous meses despois da primeira votación o que fixaría unha nova convocatoria electoral 54 días despois, o 26 de xuño

Comentarios