Sesión de control no Parlamento: Feixoo e a arte dos balóns fóra

As problemáticas da Galiza que BNG e PSdeG formulan na Cámara galega no punto plenario de preguntas ao presidente semella que nunca van con Feixoo.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, xunto co vicepresidente, Alfonso Rueda, no Parlamento galego (Foto: Arxina)
photo_camera O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, xunto co vicepresidente, Alfonso Rueda, no Parlamento galego (Foto: Arxina)

Reactivación económica e a situación da mocidade galega. Estes son os dous temas que centraron esta cuarta feira a sesión de control ao presidente galego no Parlamento. Mais poderían ser a situación industrial, o saneamento das rías, o estado da dependencia e da sanidade, a política deportiva ou calquera outro tema que a oposición leve a esta cita. Semella que as cuestións do día a día que afectan a Galiza dependen ou son responsabilidade de todos agás do presidente da Xunta. Ou dos concellos, do Estado ou de Bruxelas mais o que pasa en Galiza semella que nunca é cousa do Goberno da Galiza.

Ana Pontón (BNG) levou á sesión de control a situación da mocidade galega (“paro, precariedade e emigración”) e Feixoo acabou enlamando o debate falando de que en Alemaña os partidos independentistas non son legais. Gonzalo Caballero (PSdeG) criticou a ausencia de ideas claras do Goberno galego en canto á reactivación económica da Galiza e acabou sendo acusado de que a Galiza o Estado lle deba 800 millóns de euros.

O presidente ten resposta para todo, outra cousa é que sexa a resposta á pregunta que lle formula a oposición no Parlamento e que el, por responsabilidade co cargo, debería contestar. Mais non hai resposta, hai balóns fóra.

A portavoz nacionalista propuxo que o Executivo galego se comprometese con políticas de vivenda e plans de emprego que permitan que “unha nova xeración de galegos non teñan que emigrar”. Instou o presidente a asumir “responsabilidades” fronte a uns problemas que non son “problemas da mocidade, son problemas de país”.

Mais o presidente non estaba para “problemas de país”. Estaba para dicir que a el o que lle prestaba era unha mocidade “que sexa libre, non adoutrinada” e para acusar o BNG de “intoxicar con datos falsos”.

“Cales son as propostas do seu Goberno para dar futuro á mocidade estaba noutro discurso, dirixido a outros receptores: “Sería bo que vostedes dedicasen o Día da Patria Galega a falar máis de Alemaña...”, “a vostedes só lles interesa o país minoritario que representan...”, “Temos o sistema educativo máis equitativo  de España...”.

E igual con Gonzalo Caballero. O portavoz socialista criticou os recortes e falta de medios e persoal no ensino, sanidade, no sistema de coidadados... “Vostede, que ten competencias, non sabe que facer e seguimos sen rumbo”, reprochou a Feixoo. “Tivo 116 millóns de euros metidos nun caixón durante meses en ves de gastalos no que facía falta en plena pandemia”.

O presidente nin se inmutou e retrucou con que o PP gañara as eleccións e punto. “Cono Rita Barberá, Como Camps”, contestou Caballero... “mais a política é dar resposta aos problemas dos cidadáns e non mirarse no espello do PP a dicir que gañou eleccións”.

Comentarios