Servizo de Alfándegas relaciona a Carlos Negreira co caso Pokémon

O informe sinala que o alcalde da Coruña estaría relacionado con contratacións irregulares para o Grupo Vendex, epicentro da trama

Carlos Negreira e Alberto Núñez Feijóo
photo_camera Carlos Negreira e Alberto Núñez Feijóo

Novo capítulo na rede Pokémon. Un informe do Servizo de Alfándegas sinala o alcalde da Coruña, Carlos Negreira, pola contratación irregular dunha persoa e “posibelmente” dunha segunda para o Grupo Vendex, epicentro da trama de corrupción.

As empregadas municipais polas que supostamente intercedeu o alcalde coruñés serían Dulce Rodríguez Anido e Susana Martínez Portabales, relacionadas coa posta en marcha do Ágora, e que corroboran algunhas das gravacións a políticos imputados, segundo informou Radio Coruña. 

O informe inclúe unhas entradas regaladas por Aquafest para a final da Champions de 2011 a favor de Negreira e do presidente da Deputación coruñesa, Diego Calvo

Negreira, o barón municipal máis cercano a Feijóo, negou as acusacións e descartou que a xuíza Pilar De Lara, que investiga o caso, o impute. O informe inclúe tamén unhas entradas regaladas por Aquafest para a final da Champions no Santiago Bernabéu en 2011 a favor de Negreira e do presidente da Deputación coruñesa, Diego Calvo.

Vendex levouse a metade dos contratos

A investigación sobre o grupo Vendex revelou esta quinta feira a magnitude do caso na cidade da Coruña. Dos 75 contratos municipais aos que optou Vendex entre os anos 2002 e 2013, a compañía conseguiu a adxudicación de 33, case a metade das licitacións neste periodo.

Algúns contratos remóntanse a década dos noventa e a maioría foron consecuencia dun concurso aberto. De Lara investiga as posíbeis irregularidades nestas adxudicacións logo de descubrirse que Vendex facturou ao concello coruñés até seis millóns de euros en 2013 polos servizos de grúa e ORA.

Comentarios