ABERTA A RECEPCIóN DE PREGUNTAS

#SermosDebate, o hashtag do debate electoral organizado por Sermos Galiza

O hashtag para seguir nas redes o debate electoral organizado por Sermos Galiza para a segunda feira, 7 de decembro, ás 12h, será #SermosDebate. Quen o desexe, xa pode achegar as súas interpelacións ás candidatas participantes a través das redes sociais e do correo electrónico.

De esquerda a dereita, Marta González, Pilar Cancela, Carme Adán, Yolanda Díaz e Isabel Cendán
photo_camera De esquerda a dereita, Marta González, Pilar Cancela, Carme Adán, Yolanda Díaz e Isabel Cendán

#SermosDebate é o hashtag para seguir nas redes sociais o debate electoral organizado por Sermos Galiza para esta segunda feira, 7 de decembro, ás 12h. Retransmitirase ao vivo a través da web www.sermosgaliza.gal e será aberto ao público que desexe asistir á Nave de Vidán (Av. da Mestra Victoria Míguez, 44).

O debate organizado por Sermos, no que participan as principais candidaturas que concorren ás eleccións xerais -Nós, Candidatura Galega; En Marea; PSOE; PP e Ciudadanos- constará de catro bloques temáticos: economía e traballo, política internacional, dereitos sociais e liberdades públicas e Galiza ante o debate territorial. A orde de intervencións en cada bloque estabelecerase mediante sorteo.

Ao finalizaren os bloques temáticos, as candidatas responderán as preguntas recibidas nas redes sociais e no correo electrónico [email protected] e as preguntas do público. Para fecharen este debate público, as candidatas disporán de un minuto para pediren o voto.

A proposta das diferentes formacións políticas, participarán no debate Carme Adán (número 1 de Nós Candidatura Galega por Pontevedra); Yolanda Díaz (número 2 de En Marea pola Coruña); Pilar Cancela (número 1 do PSOE por A Coruña); Marta González (número 2 do PP por A Coruña) e Isabel Cendán (número 1 de Ciudadanos por Lugo). Desta maneira, a mesa do debate, que moderará a xornalista María Obelleiro, será integramente feminina.

Comentarios