O especial eleccións de Irmandade TV, en directo desde Sermos Galiza

O programa conta con dúas mesas de debate, ofrecerá gráficos e datos en directo, as reaccións nas redes e a análise dos directores de Sermos Galiza, Praza Pública e Galicia Confidencial. 

Unha aposta televisiva diferente, en chave galega, para seguir o decorrer das as eleccións europeas. A equipa de Irmandade TV prepara un especial para este domingo, que encetará sobre as 19.50h, e que se poderá seguir en directo desde a portada de Sermos Galiza. “Non podemos competir coas grandes cadeas en medios tecnolóxicos mais si en contido”, afirma o director da canle dixital, Aurélio Lopes.

A emisión comezará cunha primeira mesa de debate onde participarán referentes das diferentes formacións políticas. “Debatiremos sobre as súas propostas e analizaremos as primeiras enquisas a pé de urna”, adianta Lopes. Na mesa estarán Ana Pontón, polo BNG; Antón Sánchez, por AGE; Rafael Cuíña, por CxG e Aitor Bouza polo PsdeG.

O programa especial incluirá reaccións nas redes sociais, gráficos e datos, así como a análise dos directores de Sermos Galiza, Praza Pública e Galicia Confidencial

Irmandade TV contará con conexións en directo coas sedes dos catro partidos. Ademais, o programa especial incluirá reaccións nas redes sociais, gráficos e datos, así como a análise dos directores de Sermos Galiza, Praza Pública e Galicia Confidencial. “É a nosa aposta máis potente, somos máis equipo cá nunca e todo está probado e garantido”, asegura o director.

Sobre as 21.30h dará comezo a segunda mesa de debate, que se extenderá até o anuncio dos resultados definitivos. Estes chegarán case de golpe a partires das 23h. Conversarán Antón Baamonde, Mar Vila e Miguel Anxo Abraira sobre o papel da Galiza na Unión Europea e o devir das eleccións.

Comentarios