A serie 'Tres camiños' adía o galego ao verán

Haberá que agardar varios meses para que a serie, financiada con máis de 2 millóns da Xunta e a CRTVG, estea dispoñíbel en galego.

Haberá que agardar varios meses para poder ver en galego a serie Tres camiños de Amazon Prime. A comedia dramática ambientada no Camiño de Santiago foi estreada o pasado 22 de xaneiro entre críticas nas redes por estar dispoñíbel en castelán e inglés mais non en galego (nin na dobraxe nin no subtitulado), a pesar de estar financiada con máis de 1,8 millóns das arcas públicas galegas. 

A este respecto, a deputada do PSdeG Noa Díaz constatou esta secta feira, 26 de febreiro, a través dunha pregunta na comisión de control da CRTVG que haberá que agardar até o verán para poder ver a serie  en galego.

A socialista cualificou de “incomprensíbel” que a Xunta e a CRTVG subvencionen produtos audiovisuais “que non conteñan e aseguren" o idioma propio "entre as opcións de exhibición xa desde o momento da súa estrea". Díaz lembrou que a Xunta achegou máis de 1,8 millóns de euros e a CRTVG outros 250.000 euros para esta serie. 

Vacinación indebida

O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, xustificou na comisión de control que a vacinación irregular da alcaldesa de Boimorto, María Jesús Novo, non figurou entre as novas dos informativos da TVG o día en que noticia da súa vacinación saltou á prensa debido "aos tempos dos procesos informativos".

Novo mantense na Alcaldía aínda que pediu baixa no PP logo do sucedido e de que o partido lle abrise expediente.

A deputada do BNG María Albert reprochou a Izquierdo que, a pesar do interese informativo, o feito non foi tratado nos telexornais da TVG do 28 de xaneiro, a pesar de si informarse de vacinacións irregulares no Estado.

Albert tamén lembrou que no  telexornal do día 29 foi emitida unha información sobre a  apertura de expediente á alcaldesa por parte do PP sen dar cabida aos postulados das demais forzas políticas. 

Comentarios