MUNICIPAIS 2015

Serafín Otero e Xose M.Carril, candidatos do BNG en Vigo e Coruña

As Asembleas Abertas das dúas cidades aprobaron as propostas de primeiros tramos das candidaturas. O 29 o Consello Nacional aprobará as listas de cidades e vilas de refrencia para a cita municipal.

As dúas principais cidades de Galiza xa teñen proposta de candidato do BNG para as vindeiras municipais, que decorrerán en 2015. O sindicalista Serafín Otero en Vigo e o actual portavoz municipal X.M. Carril na Coruña son as persoas que encabezarán as listas nacionalistas. Foron eleitos estes días nas Asembleas Abertas, xunto co primeiro tramo das candidaturas, e suman o seu nome ao de Miguel Anxo Fernández Lores (Pontevedra) que anunciou a súa intención de recuncar. O 29 deste mes o Consello Nacional do BNG designará as listas de BNG-Asembleas Abertas das sete cidades principais do país e das ‘vilas de referncia’ para as municipais.

Unanimidade

A asemblea de Vigo avalou por unanimidade a candidatura de Serafín Otero, actual secretario comarcal da CIG. A proposta de cinco primeiros postos complétase con Vitoria Iglesias (Marcha Mundial das Mulheres), Manuel González Moreira (Plataforma en Defensa da Sanidade Pública), Ernestina Rodríguez (traballa en Citroën), Manuel Caride (da dirección comarcal do BNG).

Na candidatura tamén figuran nomes como o de Dolores Rodríguez (profesional do sector sanitario). Diego Santorio, Elsa Quintás, Xabier P. Igrexas (ex-secretario da Federación de Asociacións Veciñais ‘Eduardo Chao’) e Maribel Tato, autónoma.

“Desde a base”

A Asemblea Aberta da Coruña aprobou a proposta do primeiro tramo de candidatura co que o BNG-Asembleas Abertas concorrerá ás eleccións municipais de maio. O actual portavoz do BNG en María Pita, Xosé M. Carril encabeza unha lista na que está acompañado no primeiro tramo por María Xosé Bravo (concelleira), Marisol Mirás (traballadora da UdC e activista no movemento feminista e veciñal. Independente), Avia Veira (concelleira). Anxo Sánchez (mozo informático en desemprego e activista xuvenil).

Tamén integran a lista Suso Bermello (profesor e sindicalista da CIG-Ensino), a actriz Isabel Risco, Fernando Souto (presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica), Florentino Fernández (delegado sindical da CIG en Teleperformance. Independente) e María Seijo. (traballadora da sanidade pública, activista da Plataforma SOS Sanidade Pública e presidenta da Xunta de Persoal do CHUAC).

Vindeira semana

Segundo fontes consultadas do BNG, para a vindeira semana decorrerán o resto das asembleas abertas no resto de cidades de Galiza, Compostela, Ferrol, Lugo e Ourense. Será aí onde a propia asemblea decida as candidaturas. A finais de semana (29 de novembro) o Consello Nacional da fronte nacionalista aprobará as listas nas cidades e vilas de referencia.

Os criterios que se están a seguir nas asembleas para a configuración das candidaturas do BNG-AA parten da experiencia do proceso de asembleas abertas, apostando en sumar á opción nacionalista para ás municipais a independentes, integrando a xente con traballo nos movementos sociais e veciñais.

Comentarios