Activista veciñal, sindicalista da CIG, militante do nacionalismo desde hai décadas. Serafín Otero, gábase de liderar unha candidatura composta na súa práctica totalidade por activistas dos movementos sociais e do sindicalismo. Aspira a ser determinante para forzar un cambio de rumbo nas políticas da cidade.
Abel Caballero acusa ao BNG de facer parte dunha “fronte da non” co PP e EU contra a cidade...
"Defender a cidade para nós é poñernos do lado do povo, das clases populares, fronte quen as agrede"
[Ri] É coñecido que o candidato socialista ten un amplo repertorio de disparates e falsidades. Esta é unha delas. Caballero quixo apropiarse da bandeira de Vigo para tapar con ela o fracaso da súa política, a incapacidade do seu goberno para xestionar e a falla dun proxecto para a cidade. O BNG temos unha idea clara. Defender a cidade non é unha cuestión retórica. Defender a cidade para nós é poñernos do lado do povo, das clases populares, fronte quen as agrede e priorizar dar resposta a súas necesidades. Caballero quere ser o señor feudal dunha cidade-estado illada de todo e enfrontada con todos. Nós queremos que Vigo volva ser o potente motor de económico e industrial de Galiza, pero tamén un motor de cambios para o conxunto da nosa nación. Ao PSOE no Concello e ao PP na Xunta vailles moi ben, cren eles, coa lea localista. Pero quen perde é a cidade, é a veciñanza. Mentres eles se lanzan o escudo de Vigo como arma partidista nin Concello nin Xunta están a dar resposta a situación de emerxencia social que vivimos con máis de 50.000 persoas baixo a ameaza da exclusión social e 32.000 desempregadas.
Como valoran os últimos catro anos?
Foron catro anos perdidos. Caballero reduciu a cidade ao estético, cunha política superficial e de escaparate que fixo prevalecer o ornamento sobre os problemas reais da xente. Fala de humanizar a cidade, como se para iso abondase con poñer bonitas rúas. Nós non admitimos leccións de humanización. Primeiro porque as iniciou o propio BNG facendo a revolución urbana que supuxo transformar a Praza da Independencia ou o Calvario en zonas peonís. Actuacións que se levaron adiante co PP pero tamén co PSOE en contra. Non admitimos leccións nisto porque sabemos que humanizar non pode ser cambiar losetas e instalar axardinamento. Humanizar é poñer todos os recursos e todas as capacidades das que dispoña o Concello para facer fronte ao desemprego, para axudar o retorno dos centos e centos de mozos e mozas expulsadas pola emigración forzosa. É evitar que centos de vigueses e viguesas non teñan teito baixo o que durmir. Ou que se conten por milleiros as familias que malviven sen poder facer fronte ao recibo da auga ou da luz. Iso é humanizar de verdade.
Falan de cambio de rumbo. En que se concreta?
A nosa proposta resúmese nunha idea: queremos devolver o Concello á veciñanza. Queremos un Concello ao servizo do povo. Iso pasa por colocar as necesidades da xente como primeira prioridade. Por iso apostamos por máis política de emprego e máis políticas sociais. Por iso expresamos o noso rotundo compromiso para pular pola igualdade real cun Concello feminista. Ou defendemos un novo modelo de cidade, sostíbel, máis verde e en rede, recuperando o noso litoral e impedindo que destrúan o noso monte cun novo macrocentro comercial [en alusión a Porto Cabral], cun novo modelo de recollida do lixo e potenciando o transporte colectivo. Queremos un Concello que trate a cultura como unha cousa de comer e que cree oportunidades para a mocidade. Unha cidade que recupere a memoria botando abaixo toda a simboloxía fascista, a comezar pola Cruz do Castro.
"Queremos devolver o Concello á veciñanza. Queremos un Concello ao servizo do povo"
Pero non se trata só de cambiar as políticas, que loxicamente son o fundamental. Hai que cambiar tamén as maneiras. A veciñanza de Vigo merece un goberno que escoite e que dialogue. Imos poñer fin ao autoritarismo destes últimos anos e desenvolver ao máximo a participación veciñal. Nós non imos instalar un barco nunha rotonda a golpe de porrazos. Queremos crear verdadeiros espazos de poder popular, para que a xente non só opine senón que poida decidir, con medidas como os orzamentos participativos, un novo regulamento de participación cidadá, un novo regulamento de plenos e a realización de consultas veciñais. E moi ligado a isto, á participación, apostaremos por moita máis transparencia para combater o enchufismoe a corrupción. Vigo non merece ter un goberno, como o actual, no que haxa concelleiros imputados por facer negocio co cemento das obras municipais. Vigo ten que deixar de aparecer nomeada en operacións Patos.
Ten afirmado que son o BNG-AA é a única candidatura soberanista que concorre en Vigo.
Somos a única candidatura en Vigo que aposta pola conquista da soberanía nacional para Galiza.
Non é que o diga eu, e que a realidade é esa. É certo que hai algunha organización que se declara nacionalista integrada na Marea. Pero aclarouno o seu propio cabeza de lista, que xa foi candidato por Esquerda Unida nos anteriores comicios. Ao ser preguntado se apostaban pola independencia de Galiza apurouse a clarificar que son un proxecto municipalista e que non teñen proxecto de país. Houbo tamén algún intento de articular unha candidatura con presenza de persoas do independentismo, pero non frutificou. E neste escenario, neste momento, o BNG-Asembleas Abertas é a única candidatura que aposta netamente pola conquista da soberanía nacional para Galiza.
Somos a única candidatura que inscribe a súa proposta de cambio para Vigo dentro dun proxecto de transformación nacional. A única forza que estamos a expresar sen complexos que para nós sermos vigueses e viguesas non é outra cousa que o xeito de sermos galegos e galegas en Vigo, en lugar de xogarmos ao localismo interesado. A única opción que puxo enriba da mesa, como un eixo fundamental, a defensa e promoción en Vigo da cultura galega e do noso idioma. Ademais o proceso de asembleas abertas permitiunos incorporar a persoas que no seu momento abandonaran o BNG e que agora como independentes volven apoiar a nosa alternativa. E tamén son moitas as persoas que desde o independentismo xa me expresaron a súa simpatía e vontade de nos apoiar o día 24. Por todo iso, diferencias e matices a parte, estou seguro de que imos contar cos votos de todas as persoas que crén en Galiza como nación e que apostan pola súa plena emancipación.
O BNG cogobernou en Vigo co PSOE, logo chegou a algúns acordos puntuais desde a oposición. Que pasará logo do 24M?
Nin apoiaremos a continuidade das políticas de escaparate nin permitiremos o retorno da dereita.
É a pregunta que máis me fixeron estes meses [sorrí]. Primeiro teño que dicir que estes catro anos Abel Caballero empeñouse en darnos cada día a razón de non termos reeditado un acordo de goberno en 2011. Nós expresamos desde o primeiro minuto con claridade cal é a nosa vocación. Se dalgo pode estar certa a veciñanza de Vigo é que votar ao BNG este domingo vai ser un voto polo cambio. Cambio, si ou si. O BNG non imos apoiar a continuidade das políticas de escaparate, inútiles e fracasadas destes últimos catro anos, nin permitiremos baixo ningún concepto o retorno da dereita dos recortes e a corrupción. Pero a chave é que o BNG sexamos unha forza determinante no pleno, como estou certo de que imos ser. E iso xa non depende de nós, inda que vaia en contra do noso lema [ri]. Depende dos veciños e das veciñas. Nós percibimos que hai unhas enormes gañas de cambio, de xente que quere un Concello centrado nas persoas e que sabe que unha viraxe á dereita só nos conduce ao desastre. Modestamente cremos que temos as ideas, as propostas e a equipa para facer realidade ese cambio e estamos en condicións de lideralo.
Pero, segundo as enquisas os seus votos poden ser chave para decantar o goberno se non se dá unha maioría absoluta...
A enquisa que vale é a das urnas. O escenario está completamente aberto. Nós formulamos unha proposta clara e consistente de cambio. Facémolo ademais sen partir de cero, con experiencia e tendo acreditado que o nacionalismo é a forza capaz de desenvolver políticas realmente transformadoras en favor do povo. Agora o que toca é que cidadanía decida. Que opte co seu voto entre máis política superficial co PSOE, os recortes do PP ou un tempo novo para a cidade en favor das clases populares.