ENTREVISTA AO CANDIDATO DO BNG-AA Á ALCALDÍA DE VIGO

Serafín Otero: "Votar BNG en Vigo será votar cambio si ou si"

Conversamos co candidato do BNG-AA á alcaldía de Vigo a poucas horas de que conclúa a campaña nunha das prazas máis complexas do mapa galego, na que concorren 17 candidaturas diferentes.

Serafín Otero
photo_camera Serafín Otero

Activista veciñal, sindicalista da CIG, militante do nacionalismo desde hai décadas. Serafín Otero, gábase de liderar unha candidatura composta na súa práctica totalidade por activistas dos movementos sociais e do sindicalismo. Aspira a ser determinante para forzar un cambio de rumbo nas políticas da cidade.

Abel Caballero acusa ao BNG de facer parte dunha “fronte da non” co PP e EU contra a cidade...

"Defender a cidade para nós é poñernos do lado do povo, das clases populares, fronte quen as agrede"

[Ri] É coñecido que o candidato socialista ten un amplo repertorio de disparates e falsidades. Esta é unha delas. Caballero quixo apropiarse da bandeira de Vigo para tapar con ela o fracaso da súa política, a incapacidade do seu goberno para xestionar e a falla dun proxecto para a cidade. O BNG temos unha idea clara. Defender a cidade non é unha cuestión retórica. Defender a cidade para nós é poñernos do lado do povo, das clases populares, fronte quen as agrede e priorizar dar resposta a súas necesidades. Caballero quere ser o señor feudal dunha cidade-estado illada de todo e enfrontada con todos. Nós queremos que Vigo volva ser o potente motor de económico e industrial de Galiza, pero tamén un motor de cambios para o conxunto da nosa nación. Ao PSOE no Concello e ao PP na Xunta vailles moi ben, cren eles, coa lea localista. Pero quen perde é a cidade, é a veciñanza. Mentres eles se lanzan o escudo de Vigo como arma partidista nin Concello nin Xunta están a dar resposta a situación de emerxencia social que vivimos con máis de 50.000 persoas baixo a ameaza da exclusión social e 32.000 desempregadas.

Como valoran os últimos catro anos?

Foron catro anos perdidos. Caballero reduciu a cidade ao estético, cunha política superficial e de escaparate que fixo prevalecer o ornamento sobre os problemas reais da xente. Fala de humanizar a cidade, como se para iso abondase con poñer bonitas rúas. Nós non admitimos leccións de humanización. Primeiro porque as iniciou o propio BNG facendo a revolución urbana que supuxo transformar a Praza da Independencia ou o Calvario en zonas peonís. Actuacións que se levaron adiante co PP pero tamén co PSOE en contra. Non admitimos leccións nisto porque sabemos que humanizar non pode ser cambiar losetas e instalar axardinamento. Humanizar é poñer todos os recursos e todas as capacidades das que dispoña o Concello para facer fronte ao desemprego, para axudar o retorno dos centos e centos de mozos e mozas expulsadas pola emigración forzosa. É evitar que centos de vigueses e viguesas non teñan teito baixo o que durmir. Ou que se conten por milleiros as familias que malviven sen poder facer fronte ao recibo da auga ou da luz. Iso é humanizar de verdade.

Falan de cambio de rumbo. En que se concreta?

A nosa proposta resúmese nunha idea: queremos devolver o Concello á veciñanza. Queremos un Concello ao servizo do povo. Iso pasa por colocar as necesidades da xente como primeira prioridade. Por iso apostamos por máis política de emprego e máis políticas sociais. Por iso expresamos o noso rotundo compromiso para pular pola igualdade real cun Concello feminista. Ou defendemos un novo modelo de cidade, sostíbel, máis verde e en rede, recuperando o noso litoral e impedindo que destrúan o noso monte cun novo macrocentro comercial [en alusión a Porto Cabral], cun novo modelo de recollida do lixo e potenciando o transporte colectivo. Queremos un Concello que trate a cultura como unha cousa de comer e que cree oportunidades para  a mocidade. Unha cidade que recupere a memoria botando abaixo toda a simboloxía fascista, a comezar pola Cruz do Castro.

"Queremos devolver o Concello á veciñanza. Queremos un Concello ao servizo do povo"

Pero non se trata só de cambiar as políticas, que loxicamente son o fundamental. Hai que cambiar tamén as maneiras. A veciñanza de Vigo merece un goberno que escoite e que dialogue. Imos poñer fin ao autoritarismo destes últimos anos e desenvolver ao máximo a participación veciñal. Nós non imos instalar un barco nunha rotonda a golpe de porrazos.  Queremos crear verdadeiros espazos de poder popular, para que a xente non só opine senón que poida decidir, con medidas como os orzamentos participativos, un novo regulamento de participación cidadá, un novo regulamento de plenos e a realización de consultas veciñais. E moi ligado a isto, á participación, apostaremos por moita máis transparencia para combater o enchufismoe a corrupción. Vigo non merece ter un goberno, como o actual,  no que haxa concelleiros imputados por facer negocio co cemento das obras municipais. Vigo ten que deixar de aparecer nomeada en operacións Patos.

Ten afirmado que son o BNG-AA é a única candidatura soberanista que concorre en Vigo.

Somos a única candidatura en Vigo que aposta pola conquista da soberanía nacional para Galiza.

Non é que o diga eu, e que a realidade é esa. É certo que hai algunha organización que se declara nacionalista integrada na Marea. Pero aclarouno o seu propio cabeza de lista, que xa foi candidato por Esquerda Unida nos anteriores comicios. Ao ser preguntado se apostaban pola independencia de Galiza apurouse a clarificar que son un proxecto municipalista e que non teñen proxecto de país. Houbo tamén algún intento de articular unha candidatura con presenza de persoas do independentismo, pero non frutificou. E neste escenario, neste momento, o BNG-Asembleas Abertas é a única candidatura que aposta netamente pola conquista da soberanía nacional para Galiza.

Somos a única candidatura que inscribe a súa proposta de cambio para Vigo dentro dun proxecto de transformación nacional. A única forza que estamos a expresar sen complexos que para nós sermos vigueses e viguesas non é outra cousa que o xeito de sermos galegos e galegas en Vigo, en lugar de xogarmos ao localismo interesado. A única opción que puxo enriba da mesa, como un eixo fundamental, a defensa e promoción en Vigo da cultura galega e do noso idioma.  Ademais o proceso de asembleas abertas permitiunos incorporar a persoas que no seu momento abandonaran o BNG e que agora como independentes volven apoiar a nosa alternativa. E tamén son moitas as persoas que desde o independentismo xa me expresaron a súa simpatía e vontade de nos apoiar o día 24. Por todo iso, diferencias e matices a parte, estou seguro de que imos contar cos votos de todas as persoas que crén en Galiza como nación e que apostan pola súa plena emancipación.

O BNG cogobernou en Vigo co PSOE, logo chegou a algúns acordos puntuais desde a oposición. Que pasará logo do 24M?

Nin apoiaremos a continuidade das políticas de escaparate nin permitiremos o retorno da dereita.

É a pregunta que máis me fixeron estes meses [sorrí]. Primeiro teño que dicir que estes catro anos Abel Caballero empeñouse en darnos cada día a razón de non termos reeditado un acordo de goberno en 2011. Nós expresamos desde o primeiro minuto con claridade cal é a nosa vocación. Se dalgo pode estar certa a veciñanza de Vigo é que votar ao BNG este domingo vai ser un voto polo cambio. Cambio, si ou si. O BNG non imos apoiar a continuidade das políticas de escaparate, inútiles e fracasadas destes últimos catro anos, nin permitiremos baixo ningún concepto o retorno da dereita dos recortes e a corrupción. Pero a chave é que o BNG sexamos unha forza determinante no pleno, como estou certo de que imos ser. E iso xa non depende de nós, inda que vaia en contra do noso lema [ri]. Depende dos veciños e das veciñas. Nós percibimos que hai unhas enormes gañas de cambio, de xente que quere un Concello centrado nas persoas e que sabe que unha viraxe á dereita só nos conduce ao desastre. Modestamente cremos que temos as ideas, as propostas e a equipa para facer realidade ese cambio e estamos en condicións de lideralo.

Pero, segundo as enquisas os seus votos poden ser chave para decantar o goberno se non se dá unha maioría absoluta...

A enquisa que vale é a das urnas. O escenario está completamente aberto. Nós formulamos unha proposta clara e consistente de cambio. Facémolo ademais sen partir de cero, con experiencia e tendo acreditado que o nacionalismo é a forza capaz de desenvolver políticas realmente transformadoras en favor do povo. Agora o que toca é que cidadanía decida. Que opte co seu voto entre máis política superficial co PSOE, os recortes do PP ou un tempo novo para a cidade en favor das clases populares.

Comentarios