SERAFÍN OTERO/MUNICIPAIS 2015

"O que me pide a xente de Vigo é que quitemos daí a Abel Caballero"

Serafín Otero [Foto: E. Ilkerman]
photo_camera [Foto: E. Ilkerman]

O candidato nacionalista ás eleccións municipais en Vigo, Serafin Otero, reiterouse esta mañá nunha entrevista na Radio Galega nas súas críticas ao actual alcalde, o socialista Abel Caballero a quen cualificou de “xordo, porque non escoita a cidadanía e non soporta as críticas e cego porque non ve os problemas que teñen os cidadáns”. Serafín Otero acusou ao alcalde de vivir “de costas ás cuestións sociais”, eixo que supón, segundo defendeu, unha prioridade absoluta para o BNG na cidade olívica.

O BNG preséntase como alternativa "fronte ás políticas do PSOE que ignoran os problemas da xente" e dos "recortes do PP"

“Devolverlle o protagonismo á cidadanía”, é un dos obxectivos do candidato do BNG fronte ao que cualificou de talante autoritario do actual rexedor e manifestou o seu compromiso de se centrar nas “necesidades sociais, eliminar a pobreza e a exclusión social”. Fixou tamén a súa atención nese 22 % do nivel de desemprego que padece a cidade de Vigo e defendeu que o goberno municipal ten que ter na creación de emprego unha das súas prioridades. 

Alternativa a PP e PSOE

"Vai ser difícil que o BNG poida pactar con quen vive ás costas das cuestións sociais", dixo Serafín Otero na entrevista ao ser preguntado a respecto dun eventual acordo co PSOE. O cabeza de cartel do Bloque insistiu na idea de que "fronte ás políticas que ignoran os problemas da xente como as de Abel Caballero ou os recortes sociais do PP" a alternativa que propón o nacionalismo é un cambio pola esquerda apostando por atender a situación de emerxencia social que vive na cidade .

"O que me pide a xente de Vigo é que quitemos daí a Abel Caballero", engadiu o candidato do BNG enfatizando a distancia coas políticas do actual rexedor. Otero fixo tamén unha alusión velada á aspirante popular, a ex conselleira Elena Muñoz, preguntándo de maneira retórica se a súa proposta para Vigo é aplicar as mesmas políticas de recorte que practica o goberno galego do que fixo parte.

Comentarios