Eleccións para o Consello das Mareas

Será o plenario de En Marea quen decida a respeito das incompatibilidades

En Marea vén de facer públicos a proposta de regulamento de primarias para a elección do Consello das Mareas, que será o órgano máximo de dirección, e mais o documento político. A forza política non chegou a acordos a respeito das posíbeis incompatibilidades.

Cabezas de lista de En Marea
photo_camera Cabezas de lista de En Marea

En Marea fixo públicos este sábado o regulamento de primarias para a elección do Consello das Mareas e mais o documento político que se debaterá no plenario do 17 de decembro. É este o primeiro paso de cara a escoller as 35 persoas que formen parte do máximo órgano de dirección. Unha eleccións primarias que terán lugar o 21 e o 22 de xaneiro.

O regulamento contempla que os membros do Consello sexan escollidos polas persoas inscritas no censo de En Marea, aberto até o 19 de xaneiro

Tanto a proposta de regulamento como o documento político están abertos a emendas até a quinta feira e serán sometidos a votación o vindeiro sábado. O regulamento contempla que os membros do Consello sexan escollidos polas persoas inscritas no censo de En Marea, aberto até o 19 de xaneiro. As persoas electoras poderán optar por unha candidatura por voto, que cumprirá o criterio de listaxe cremalleira e respectar o equilibrio territorial.

Incompatibilidades

A unha semana de que se realice o plenario, a coordinadora non chegou a acordo ningún a respeito das incompatibilidades de quen aspira a entrar no Consello das Mareas, polo que será o plenario quen o decida.

Voces cren necesario que as persoas que ocupen un cargo orgánico nun dos partidos que forman parte de En Marea e resulten elixidas nas primarias, deberán optar entre un cargo ou outro

Sobre as incompatibilidades, existen voces que defenden que non poidan optar ao Consello aquelas persoas que sexan deputados ou deputadas tanto no Parlamento galego como no Congreso. Aliás, estas voces cren necesario que as persoas que ocupen un cargo orgánico nunha das forzas políticas que forman parte de En Marea e resulten elixidas nas primarias, deberán optar entre un cargo ou outro.

Comentarios