A SEPI xustifica o traslado a Cádiz dunha parte do flotel de Navantia e oponse ao dique flotante

O presidente, Ramón Aguirre, asegura que "só é un 2%" da produción e que se debe a un cumprimento nos prazos. Aliás, aclarou que o dique flotante non se construirá.

Ramón Aguirre, presidente da SEPI
photo_camera Ramón Aguirre, presidente da SEPI [Imaxe sepi.es]

Na Comisión de Orzamentos do Congreso español o presidente da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI), Ramón Aguirre, xustificou o traslado ao estaleiro de Puerto Real (Cádiz) de 8 dos 86 bloques do flotel contratado pola petroleira mexicana Pemex. 

Segundo Aguirre esta deslocación só supón o "2,3% da produción" e xustificou a decisión da dirección de Navantia na importancia estratéxica que supón para a empresa pública de construción naval na súa volta, afirmou, á construción civil. Aguirre asegurou que a decisión visa "optimizar o uso dos recursos da compañía en todos os seus centros de actividade" e evitar queixas por parte do armador perante os retrasos acumulados nos últimos meses, a xuízo da SEPI. 

Segundo os números da dirección de Navantia isto suporá o traslado a Cádiz 25.000 horas de traballo, dun conxunto total de 1,1 millón e un 0,7% da facturación --aproximadamente 1,1 millón de euros. 

Desde Navantia afirman que a deslocación de 8 bloques do floten supón o traslado de 25.000 horas e 1,1 millón de euros na facturación

A SEPI desoe desta maneira as queixas e denuncias transmitidas polo comité de empresa de Navantia e @s traballador@s do estaleiro. Mais tamén as críticas dalgúns dos representantes institucionais do goberno galego, como o conselleiro de Economía, Francisco Conde ou o alcalde de Ferrol, Rey Varela, que salientaban o seu labor na negociación e xestión do contrato que, finalmente, irá parar tamén a Cádiz. 

Voces autorizadas do Partido Popular de Galiza demandaban un cambio de opinión por parte da SEPI que, a todas luces, non se producirá.

Feijóo "non" comparte a decisión de Navantia

O presidente da Xunta asegurou após o Consello da Xunta que "non" comparte a decisión de trasladar parte da produción do flotel de Ferrol a Cádiz e mesmo responsabilizou a empresa pública dos "retrasos" na construción do buque. 

O presidente da Xunta limitouse a afirmar que "non" partilla a decisión de Navantia e a responsabilizar a empresa pública dos retrasos na produción

"Se esa é a xustificación para o desvío, ninguén pode empregar unha responsabilidade para xustificar outra irresponsabilidade", sinalou. 

Feijóo desmárcase da posición de Navantia mais, até o momento, as súas declaracións son meramente formais e non avanzou se iniciarán algunha acción para impedir a deslocación de parte da construción.

Non haberá dique

Así mesmo, Ramón Aguirre, descartou a construción do dique flotante en Ferrol --unha promesa electoral de Feijóo e un importante sopro de ar para o sector naval galego. Desde Navantia argüen que o proxecto exixiría dun investimento público que serían considerados axuda estatal. Un feito que foi rexeitado pola Unión Europea mais que se autorizou na construción doutros como o de Bretaña. 

"De ter que ser sostido con recursos públicos procedentes da SEPI ou de Navantia sería considerado axuda do Estado e, polo tanto, non sería refrendado polas autoridades de competencia", afirmou. Polo tanto, acrecentou, "esa forma de executalo non se pode levar a cabo"

Comentarios