A sentenza antitransfuguismo obriga o alcalde de Viana a renunciar ao cobro da dedicación

O que era rexedor co BNG e foi apartado do cargo mediante unha moción de censura, Secundino Fernández, exixe a dimisión do seu sucesor porque Viana do Bolo non merece "unha Alcaldía que está metida en temas legais día si e día tamén". O nacionalista estaría aberto a chegar a unha coalición de Goberno se decorre a saída do actual alcalde.
Rolda de prensa do BNG en Viana do Bolo encabezada por Secundino Fernández e Noa Presas. (Foto: BNG)
photo_camera Rolda de prensa do BNG en Viana do Bolo encabezada por Secundino Fernández e Noa Presas. (Foto: BNG)

O Bloque xa tiña recorrido os plenos de organización de Viana e Castrelo de Miño nos que se perderon as Alcaldías nacionalistas. Foi con motivo dunha resolución do Tribunal Supremo na que determinou que as e os edís non adscritos ou tránsfugas non poden conseguir melloras de cargos ou de percepcións monetarias tras apoiar unha moción de censura.

O ex alcalde de Viana do Bolo, Secundino Fernández, aclara que o novo rexedor non podería cobrar retribución pola dedicación ao Concello nin estar no cargo por mellorar tanto a nivel de relevancia do posto como no ámbito económico.

“Había un informe da secretaría e un reparo de intervención a que cobrase a dedicación que mesmo levantou pero iso pode implicar un delito de apropiación indebida ou malversación de fondos”, destaca o nacionalista.

As advertencias do BNG fixeron que a partir de decembro Abelardo Carballo comezara a “devolver o diñeiro pero seguía de alta na seguridade social” e outras cuestións que poñían sobre a mesa un suposto “delito moi grave”.

Segundo Fernández, o Goberno local resultante da moción pediu o seu propio estudo xurídico -documento que non lle facilitaron aínda malia telo pedido- e corroboraron os perigos de seguir na mesma circunstancia.

Por iso, di, vén agora a renuncia, que entende que se intenta vender aludindo a unha realidade distinta. Ademais, o que dirixira o Consistorio lembra que Carballo “segue incumprindo” a sentenza do Supremo pois segue nun posto que supuxo unha mellora.

Recurso pola convocatoria do pleno

“Se ten tanto apego ao pobo como di debería dimitir”, subliña. Neste sentido comenta que todo o proceso desde o pleno que acabou coa xestión dos nacionalistas estivo afectado polo transfuguismo e a sentenza. “Primeiro tivo que cesar ao segundo tenente de alcalde, despois deixar de cobrar... e a ver se dimite dunha vez”, remarca.

Na súa opinión Viana non merece “unha Alcaldía con problemas legais día si e día tamén”. En calquera caso, o recurso do Bloque sobre a convocatoria do pleno de setembro que deu a volta ao Goberno local continúa o seu curso.

Ante unha hipotética saída de Carballo do cargo, Fernández non rexeita chegar a algún pacto co PSOE para retomar a xestión do municipio.

Comentarios